Loureiro, a épica enriba dunha bicicleta

A vitoria de Manuel Loureiro no Endurrazo 2021 de Moaña valeulle ser campión de España na categoría júnior. De subir a unha bicicleta con 12 anos até chegar ao máis alto do podio con 18 indica unha rápida progresión para este baionés que aínda pode dar moitas alegrías ao deporte galego dentro da disciplina do Enduro.
O baionés Manuel Loureiro Giráldez no podio do Open de España no que quedou campión ao gañar a última proba en Moaña (Yaza Fernández Pérez).
photo_camera Manuel Loureiro Giráldez no podio do Open de España no que quedou campión ao gañar a última proba en Moaña. (Foto: Yaza Fernández Pérez)

Chegar a campión non é nada doado. No caso de Manuel Loureiro, recente campión de España júnior de Enduro, ten moito que ver o seu amor polo ciclismo e, ao mesmo tempo, pola contorna de Baredo, a parroquia de Baiona, onde vive. 

A súa biografía explica o seu éxito. "Comecei coa bicicleta aos 12 anos, máis ou menos, e foi cunha de montaña de nivel moi baixo", conta a Nós Diario. Daquela, onde vivía había moita xente que formaba parte do club ciclista Monte do Boi, unha entidade deportiva que se oficializou en 2017. 

"Un día viron como montaba en bicicleta e chamáronme para comentarme se quería acompañalos nunha das súas saídas e apunteime". Foi desta maneira como transformou a súa afección nunha paixón que o levou a competir. "Impresionoume ver como tiña ao meu carón un monte tremendo, con moitos lugares por descubrir coa axuda da bicicleta e ao carón da casa". 

Adestrar e entrar en competición

O achegamento ao Enduro, para Manuel Loureiro, foi "transformar esas saídas dos domingos nun formato de carreira" e continuar "con esa filosofía que tiñamos de gozar dos domingos e transformala en competición". Desta maneira nunca se propuxo entrar noutras disciplinas diferentes dentro deste deporte.

O que si mudou foi a preparación, moi exixente a estes niveis. No caso deste Open admite que "desde comezos de marzo deste ano levo realizando uns adestramentos planificados con axuda técnica e sempre enfocados cara a esta modalidade".

Horas de ximnasio e tamén enriba da bicicleta, mais "nada en especial respecto ao que fago noutras competicións", admite. Neste caso, comparte preparación con outras modalidades diferentes e traballa a resistencia.

O apoio da súa familia foi fundamental para que chegara a gañar este Open 2021 coa pandemia como pano de fondo. "Non só é unha cuestión anímica, tamén é de loxística, xunto á colaboración do meu club", que na actualidade é o Club Ciclista Coruxo. Recoñece que sen a sen a súa axuda "sería imposíbel desprazarme a todos eses lugares onde se realizan as probas a nivel estatal". 

A diferenza doutras categorías dentro da disciplina os patrocinios son mínimos. "Eu teño dous, en parte por ser un deporte con pouca visibilidade, que moi poucas persoas coñecen. Só falan del aquelas que controlan algo". Bota en falta "investimento por parte de marcas e empresas".

Algo ben diferente ao que acontece a nivel internacional coa bicicleta de montaña "onde os patrocinadores son moito máis importantes e hai un maior apoio". De cara ao futuro aspira a máis e conta con referentes que na actualidade están a ser líderes nas súas categorías. "A nivel galego o vigués Nicolás Carrera, tamén do noso club, que é o corredor máis rápido do Estado español", explica Loureiro. 

O baionés ten a ollada posta en seguir mellorando "e gozando deste deporte" para poder optar a competicións a nivel internacional. "Este ano quedan tres carreiras galegas e para o ano teño unha Copa do Mundo en setembro". Ben seguro que aínda dará alegrías ao deporte do país.

Vitoria traballada do baionés

Para Manuel Loireiro este Open de España foi especial, tamén por demostrarse a si mesmo a confianza en superarse até conseguir a vitoria. "Foi un campionato moi cambiante e inesperado", relata a Nós Diario. O cuarto posto da primeira proba realizada en Castejón de Sos (Aragón) o pasado 27 de xuño fixo que pensara "que sería un Open como outros anteriores" polo que "nunca pensei que chegaría a quedar coa vitoria nin moito menos".

Mais veu a proba da Adrada (Ávila) e conseguiu ficar en primeiro lugar, unha situación nova que fixo que reaccionara. "O campionato decidíase na última proba na Galiza e xa pensei doutra maneira", asegura. Co apoio da súa familia, amizades, club e afección, a épica impúxose en Moaña, na súa ría. Nacía un novo campión júnior estatal con todo un futuro de éxitos por diante.

Comentarios