Emmanuel Reyes Pla, 'O profeta', debutará na Coruña como profesional

O boxeador coruñés participará en varias veladas na súa cidade e dará o paso á profesionalidade. Porén, poderá estar na cita olímpica de París.
Emmanuel Reyes, 'O Profeta' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Emmanuel Reyes, 'O Profeta' (Foto: Nós Diario).

O púxil coruñés de orixe cubana Emmanuel Reyes Pla, O profeta, un dos boxeadores amadores máis laureados do boxeo estatal ao conseguir, entre outros, diploma olímpico, bronce nos campionatos do Mundo e prata nos últimos campionatos de Europa, dará o paso ao profesionalismo o 8 de outubro na súa cidade.

Segundo informa a Federación Galega de Boxeo (FGB) nas súas redes sociais, o deportista contará co seu club, o Planasbox, e estará arroupado pola afección e familiares.

O Profeta debutará directamente á distancia de 6 asaltos na categoría do peso cruceiro e, "se todo vai ben", está programado para que faga o seu segundo combate o 3 de decembro tamén na Coruña. A idea do seu promotor, Chano Planas, é que o próximo ano, se o calendario de competicións olímpicas o permite, dispute o titulo estatal da súa categoría.

Poderá ir a París

A Internacional Boxing Association (IBA), máximo organismo mundial que lidera este deporte, permite que boxeadoras e boxeadores amadores poidan dar o salto a ser profesionais.

Por este motivo, Enmanuel Reyes Pla seguirá competindo no equipo estatal de boxeo amador para os próximos xogos olímpicos de París co obxectivo de sacar unha medalla olímpica e, rematados os Xogos, ter un récord profesional de entre 10 e 12 combates que lle permita poder optar a títulos importantes no campo profesional. 

Ademais, desde a FGB aseguran que O profeta será o capitán dun novo proxecto que levará por nome "Galiza terra de loitadores".

Esta nova iniciativa estará formada por un equipo de boxeadores profesionais de distintos clubs da Galiza, baixo a dirección tamén da promotora Planasbox. O seu obxectivo será  realizar unha velada ao mes en distintas cidades galegas.

comentarios