Balonmán

A PREVIA | Duelo fratricida por Europa entre Guardés e O Porriño

Derbi galego na penúltima xornada da Liga Guerreiras.
Ambas as formacións do páis entran en acción nun derbi fratricida. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera Ambas as formacións do páis entran en acción nun derbi fratricida. (Foto: Atlético Guardés).

A Liga Guerreiras, a máxima categoría do balonmán estatal, encara a recta final da súa fase regular, pois tan só quedan dúas xornadas por disputar. Esta fin de semana será a quenda da 21, e o encontro escollido pola organización do torneo como 'Partido Estrela', e, polo tanto, que será retransmitido en directo polas cámaras da canle pública especializada Teledeporte, será nin máis nin menos que o derbi galego entre Mecalia Atlético Guardés e Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño.

Programado ás 17.30 horas do sábado no Pavillón da Sangriña (A Guarda), en xogo haberá moito máis que dous puntos, xa que ambas as formacións pugnan polo cuarto posto da clasificación, o último que dá dereito a disputar competicións continentais a vindeira tempada.

Quen mellor o ten é o conxunto visitante, pois con 29 puntos é cuarto, a tres do terceiro (Súper Amara Bera Bera) e coa mesma vantaxe sobre un local sabedor de que todo o que non sexa un triunfo será sinónimo de despedirse de Europa.

Para motivarse, as arraianas tratarán de non esquecer o acontecido no duelo da primeira volta, no xa afastado mes de novembro de 2023, cando tras ir por diante no marcador durante a totalidade do encontro deixáronse remontar nos últimos intres até o 23-22 final que sinalaba o marcador electrónico.

Pola súa parte, o adestrador do Balonmán O Porriño, Ismael Martínez, quixo quitar ferro á transcendencia do choque na rolda de prensa que ofreceu esta quinta feira, indicando que "os derbis teñen que ser unha festa do balonmán galego", e que, polo tanto, son "para gozalos".

"O equipo está ben, é súper ilusionante mellorar o feito o ano pasado, e estámolo conseguindo, pero temos que fechalo de forma brillante", explicou o preparador porriñés. Con respecto ao seu rival, Martínez indicou que para conseguir derrotar o Atlético Guardés deberán ser quen de "xestionar ben as desigualdades e ser eficaces nos sete metros", aínda que, concluía, para el a chave "sempre está no bloque".

Comentarios