O Deportivo toca fondo (outra vez): a derrota ante o Compos súmeo na súa peor clasificación histórica
Que o Real Club Deportivo da Coruña está a vivir un dos peores momentos da súa historia non debe coller por sorpresa a ninguén. A centenaria entidade branquiazul está inmersa nunha, semella que interminábel, crise institucional, económica, social e deportiva que a levou en 12 anos de xogar en Europa a ocupar a súa peor clasificación histórica.
Porque a derrota ante a Sociedade Deportiva Compostela en Riazor (0-2) provocou que os coruñeses sexan sextos na clasificación conxunta dos grupos 1A e 1B da Segunda B, por debaixo da quinta que ocupou na mesma categoría durante a tempada 1980/81 e da cuarta na Terceira División da 1974/75, época na que non existía a Segunda B.
Disque cando tocas fondo só podes ir para arriba, mais nada fai prever unha reacción por parte dos da Coruña. Porque o Compos de Yago Iglesias parecía transmutado no Brasil do 70 ante un Dépor de De la Barrera que, se ben deixou atrás o fútbol quizais arcaico que caracterizou a época Vázquez, substituíno por unha estratexia que semellaba imbuída polos peores vicios do 'Guardiolismo': o pase polo pase e a posesión estática e inofensiva.
Moito mellor que os coruñeses, aínda que non ao excelso nivel do Compostela, estiveron tanto Pontevedra como Coruxo. Os granates caeron pola mínima e de penalti ante o líder Unionistas e os de Vigo gañaron ao Salamanca (1-0).
Sobrevivir sen Iago Aspas
O Celta asinou ante o Eibar un satisfactorio empate (1-1) a pesar de ir por diante no marcador durante gran parte do partido. Porque os celestes sen Iago Aspas só aspiran a sobrevivir, e é o que fixeron ante o sempre rochoso conxunto armero.
O de Moaña, practicamente recuperado, contará coa alta médica nos vindeiros días e Coudet agarda poder contar con el no choque do domingo ante o Granada, que necesita gañar para non desengancharse definitivamente do tren de Europa.
O Lugo segue mirando o 'play-off' de ascenso
Quen permanece amarrado con uñas e dentes ao play-off de ascenso a Primeira é un Lugo que conseguiu unha vitoria fundamental ante o Tenerife por dous goles a cero e, como acontece co Celta, o partido desta xornada ante un rival directo como é o Leganés resultará fundamental para os seus intereses futuros.