Os rivais do Celta son o Betis e a historia

O Real Clube Celta de Vigo afronta mañá (21.30 horas, Gol TV) un partido chave para determinar as aspiracións do conxunto celeste esta tempada, pois de caer derrotado perdería definitivamente o tren que dá acceso a postos europeos. 
O astro de Moaña foi chave na última vitoria do Celta en Balaídos ante o Betis, na tempada 2017/18. (Foto: Europa Press).
photo_camera O astro de Moaña foi chave na última vitoria do Celta en Balaídos ante o Betis, na tempada 2017/18. (Foto: Europa Press).

A vitoria é fundamental para un Celta no que o "efecto Coudet" parece diluído despois de caer en tres encontros consecutivos, incluído o doloroso 5-2 ante o Ibiza de Segunda B na Copa do Rei. Para conseguila terá que pasar por enriba dun Betis que historicamente non é un rival propicio para os intereses celestes, pois hai tres tempadas que non supera os verdibrancos en Balaídos, nun triunfo que en retrospectiva dá conta da inestabilidade que veñen sufrindo os vigueses, pois dos once xogadores da partida aquel 21 de xaneiro de 2018 só quedan no cadro de xogadores Hugo Mallo e Rubén Blanco.

Tamén estaba Iago Aspas, pero o de Moaña non poderá estar presente no día de mañá por lesión. Sen el sobre o céspede hai que remontarse até 2014 para documentar unha vitoria da escuadra olívica sobre o Betis. Ademais, a situación actual lembra perigosamente á da tempada 2018/19, na que o Celta viña obtendo bos resultados até que unha inoportuna lesión de longa duración de Aspas levou a unha xeira de malos resultados que deixaron o equipo ao bordo dun descenso que só foi quen de evitar o de Moaña logo da súa recuperación.

Nolito, o remedio contra a 'Aspasdependencia'

Eduardo Coudet foi consciente do peso e da dimensión de Iago Aspas no Celta desde o mesmo momento da súa chegada, mais tentará por todos os medios que non se repita a historia de hai dúas campañas.

Afortunadamente, Manuel Agudo Durán 'Nolito' xa superou  os seus problemas no bíceps femoral da perna dereita, e estará dispoñíbel para tratar de encher, na medida do posíbel, o xigantesco oco deixado polo '10' celeste. Xunto a el poderían formar Santi Mina, Denís Suárez e Brais Méndez, apoiados co traballo sucio pero imprescindíbel de Fran Beltrán e Holsgrove no centro do campo e de Olaza, Murillo, Araújo e Hugo Mallo en posicións defensivas.

Un mercado de inverno en branco

A parroquia celeste segue con inquietude as evolucións dun mercado de inverno completamente condicionado pola crise económica provocada pola pandemia. Lonxe quedan as rechamantes fichaxes doutras tempadas, como demostra o feito de que na Liga española tan só se desembolsasen tres millóns e medio de euros en incorporacións... entre todos os equipos! 

O Celta, por suposto, non é unha excepción, a pesar de que Eduardo Coudet reclama fichaxes con insistencia, especialmente a dun dianteiro á vella usanza, con envergadura e capacidade para xogar de costas á portaría rival. Nesa descrición encaixa como un guante o internacional croata Mario Mandzukic, que foi vinculado co conxunto celeste no mes de novembro, mais o veterano goleador vén de asinar polo equipo da galega Vero Boquete, o AC Milán.

Ademais, para que alguén acompañe o lateral Aaron Martín na listaxe de incorporacións neste mercado terán que producirse saídas para liberar limite salarial, e os sinalados son David Costas e Jorge Sáenz.

Comentarios