xoves 04/03/21

O fútbol galego disputa unha xornada moi 'retro'

Os equipos galegos de Primeira, Segunda e Segunda División B disputan esta fin de semana unha xornada futbolística á vella usanza, con partidos programados durante a fin de semana, entre os que destacan o duelo entre Celta e Eibar, o Lugo-Tenerife e o derbi galego en Riazor entre Dépor e Compostela.
A intensidade foi a característica principal dos primeiros adestramentos dirixidos por Rubén de la Barrera. (Foto: RC Deportivo).
De la Barrera disputará ante o Compos o seu primeiro partido como local. (Foto: RC Deportivo).

Hai pouco máis de 25 anos, concretamente o 1 de outubro de 1994, o daquela coñecido como Multiusos de San Lázaro, hoxe Vero Boquete, acollía o primeiro derbi galego na máxima categoría entre a Sociedade Deportiva Compostela e o Real Clube Deportivo. Os visitantes impuxéronse aos Iru, Nacho, Passi, Fabiano e compañía grazas a un solitario tanto de Bebeto nun partido que comezou con case 20 minutos de atraso a causa dun fallo eléctrico na iluminación. 

O domingo ás 17 horas reeditarase sobre o céspede de Riazor un novo capítulo desta rivalidade, aínda que lonxe dos fastos daquela época dourada. O Compostela aspira a borrar o mal sabor de boca da derrota ante o fechacancelas hai tan só tres días, mentres que os branquiazuis teñen que gañar para non quedar fóra das prazas que dan acceso á disputa da seguinte fase do torneo.

Unha derrota agravaría aínda máis a crise social e institucional na que está inmerso o clube coruñés, que esta semana viviu o seu último capítulo logo de que o Deportivo fixese público que, a causa das novas restricións sanitarias, as escasas 500 localidades dispoñíbeis non se sortearían entre os socios e socias, senón que se repartirían directamente entre patrocinadores e medios de comunicacións afíns debido a "compromisos contractuais".

Adiado o Rácing-Celta B

O outro derbi galego da xornada, o Rácing de Ferrol-Celta B, foi adiado a causa da situación de confinamento na que se atopa todo o cadro de xogadores do filial celeste logo de ter contacto estreito cun rapaz do xuvenil que adestrou con eles esta semana e que posteriormente deu positivo.

Coruxo e Pontevedra, os outros dous representantes do país na categoría de bronce, protagonizan un duplo duelo galego-salmantino, pois enfróntanse co Salamanca UDS e Unionistas, respectivamente. 

A escuadra viguesa necesita a vitoria (o domingo ás 12 horas) ante un bloque que se fixo forte nos últimos partidos sobre o deteriorado céspede do Helmántico, pero que no Vao terá enfronte un conxunto que practica mellor fútbol do que indican os resultados. 

Pola súa banda, os granates teñen ante o líder (tamén o domingo, pero ás 16 horas) a que pode ser a súa derradeira oportunidade para engancharse ao tren do ascenso, pois unha derrota deixaríaos a 11 puntos de Unionistas.

Volve o Lugo co gol como única obsesión

O Club Deportivo Lugo regresa á acción mañá ás 18.15 contra o Tenerife no Ángel Carro co gol como única obsesión. Nas últimas datas os problemas cara á portaría contraria dos albivermellos custaron varios puntos de ouro, e acumulan xa catro partidos sen coñecer a vitoria, incluíndo a derrota na Copa ante o Xirona. 

Para este encontro Mehdi Nafti non poderá contar con Bakary N`Diaye, flamante fichaxe do Lugo, quen completou no día de hoxe a primeira sesión de adestramento ás súas ordes, mais agarda ser quen de prorrogar a xeira de imbatibilidade do equipo como local, que se estende xa desde o pasado 21 de outubro, cando caeron, precisamente, ante o Xirona Fútbol Club.

A 'Chachoneta', gripada

O Celta fecha a xornada futbolística galega recibindo en Balaídos o Eibar mañá ás 18.30. Eduardo Coudet tratará ante os armeiros de reanimar unha Chachoneta que permece gripada desde que caera co Real Madrid hai xa máis de tres semanas.

Aínda non estará dispoñíbel un vello coñecido do preparador arxentino, Augusto Solari, que chegará a Vigo a vindeira semana procedente do Rácing de Avellaneda, nin tampouco un mancado Aspas que vén de ser distinguido como Mellor Xogador da Liga no mes de decembro e co que non se quere correr ningún risco.

comentarios