Hockey

A PREVIA | O Deportivo Liceo ten unha cita coa historia en Catalunya

Colide co Noia por un posto na final da OK Liga.
Tombita (44) e Dava Torres (8) son dous dos puntais do Liceo. (Foto: HC Liceo).
photo_camera Tombita (44) e Dava Torres (8) son dous dos puntais do Liceo. (Foto: HC Liceo).

O Hóckey Club Liceo da Coruña, tamén coñecido como Deportivo Liceo logo da sinatura dun acordo de colaboración coa veciña escuadra branquiazul desde xaneiro de 2019, é un dos maiores exemplos, volveu demostrar nos play-off da OK Liga 2023/24 porque é un exemplo de resiliencia e o conxunto máis laureado da Galiza.

Con 43 títulos nas súas vitrinas, 21 a nivel estatal e 22 internacionais, ano tras ano ve como os seus mellores xogadores poñen rumbo a Catalunya ou Portugal ante a superioridade económica dos seus competidores, o que, contra prognóstico, non inflúe nos resultados sobre a pista da escuadra verdibranca.

Nesta ocasión, e tras un inicio de campaña irregular no que acusou as baixas de activos tan importantes como Bruno Di Benedetto, Àlex rodríguez, Mati Bridge, Arnau Canal e Pol Manrubia, o conxunto dirixido por Juan Copa -que ten enriba da mesa unha oferta da Real Federación Española para facerse cargo despois do Mundial da selección estatal, ante a anunciada saída do seu actual titular, Guillem Cabestany-,  logrou reconstruírse até rematar a fase regular nun meritorio terceiro posto.

Con 46 puntos, tan só o Club Esportiu Noia (52) e o todopoderosos Barcelona (68, o que significa que só cedeu oito puntos en todo o torneo) foron mellores que a formación herculina, que encarou o play-off como a gran 'tapada'.

Así, após superar pola vía rápida o Club Patí Voltregà Movento Stern nos cuartos de final (5-2 e 6-7), o calendario quixo que nas semifinais colidise co Noia Freixenet nunha eliminatoria que non puido comezar peor para os intereses galegos, pois os Diaños Verdes caeron en ambos os choques disputados en Sant Sadurní (5-3 e 4-2).

Porén, e acorde co espírito que caracterizou o Liceo ao longo de toda a súa historia, e facéndose forte no Pazo de Riazor, forzou o cuarto partido após golear por 7-2 no terceiro, e o quinto e definitivo logo dun épico duelo o domingo por 4-3, no que tras chegar á prórroga o ídolo local, Dava Torres, deulle a vitoria aos seus cun gol no minuto 56.

Agora, con todo por decidir, será todo ou nada de novo no Olímpic de l'Ateneu de Sant Sadurní ás 20.30 horas desta terza feira. Se gaña, certificará o seu boleto para a finalísima da OK Liga onde, unha vez máis, colidirá cun Barça que xa agarda rival.

Máis en DEPORTES
Comentarios