Fútbol

O Deportivo perde contra o Albacete na prórroga e queda ás portas de volver a Segunda División

Mario Soriano marcou o primeiro gol para os branquiazuis, pero Alberto Jiménez forzou a prórroga e Jordi Sánchez, a falta de oito minutos para certificar o ascenso, deu o triunfo ao Albacete.
Máis de 27.000 persoas seguiron a final polo ascenso en Riazor. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera Máis de 27.000 persoas seguiron a final polo ascenso en Riazor. (Foto: RC Deportivo)

O Real Club Deportivo chegaba na tarde deste sábado ao estadio de Riazor alentado por milleiros de afeccionados e afeccionadas que desde primeira hora da mañá tinguiran de branquiazul as rúas da Coruña.

Diante estaba o Albacete Balompié, o último obstáculo do Dépor para concretar o ansiado retorno a Segunda División logo de dúas tempadas na categoría de bronce. No banco, un vello coñecido: o ex adestrador deportivista Rubén de la Barrera.

Mario Soriano desfixo o empate cun tiro picado após un pase moi preciso de Juergen

Os de Borja Jiménez saltaron ao céspede a por todas e o primeiro gol, da man de Mario Soriano, non tardou en chegar. Cumprido o minuto 26 de partido, o centrocampista madrileño recolleu un preciso pase entre liñas de Juergen e definiu con calidade picando a bóla ante Bernabé.

Mario Soriano estreou o marcador no minuto 26. (Foto: CRTVG)
Mario Soriano estreou o marcador no minuto 26. (Foto: CRTVG)

Intentou o equipo manchego igualar de novo o marcador, mais apenas logrou un disparo desde moi lonxe Riki que acabou nas mans de Mackay.

Xa na segunda metade, Rubén Martínez estivo a piques de conseguilo cun potente remate coa testa que despexou con éxito o porteiro do Dépor, e Juergen replicou pouco despois cun disparo desde fóra da área que rozou o poste.

Os de Jiménez dominaron após a reanudación, se ben faltou acerto en ataque. Tivo a oportunidade de ampliar a vantaxe Quiles cun disparo que se lle escapou en dous tempos a Bernabé.

O Dépor repregouse e Alberto Jiménez empatou no minuto 82

Mais o equipo coruñés comezou a repregarse ante a ofensiva do Albacete e Alberto Jiménez logrou o empate cun gol do minuto 82 que comprometeu o que até ese momento apuntaba a unha vitoria do Dépor. E a partir de aí apretou forte o conxunto manchego sobre a área deportivista.

Os últimos minutos foron de infarto, con constantes chegadas por parte de ambos os equipos. Os tres minutos que engadiu o árbitro ao remate dos 90 minutos regramentarios non abondaron para que nin Dépor nin Albacete evitasen a prórroga.

Os branquiazuis só precisaban manter o empate para ascender de novo á categoría de prata, pois nese caso, no canto de decidir o encontro na quenda de penaltis, ascenderían por ter alcanzado unha mellor posición durante a liga regular.

Unha incursión na área de Antoñito no minuto 97 a piques estivo de rematar en gol dos branquiazuis, mais novamente o porteiro do Albacete evitou o perigo detendo un balón que logo despexou Djetei. Dous minutos despois tivo outra oportunidade Álvaro Rey cun disparo desde o lateral da área nun libre directo neutralizado tamén por Bernabé.

O Dépor intentou con todas as súas forzas manter o empate que lle daba o billete a Segunda, mais un perfecto remate de cabeza de Jordi Sánchez dentro da área tras un centro preciso de Sergi García enmudeceu Riazor.

Un cruel final para un equipo que loitou pola vitoria até o segundo final ante a súa afección.

Ficha técnica

RC Deportivo: Mackay; Antoñito, Lapeña, Jaime (Borja Granero, min. 101), Héctor Hernández; Álex Bergantiños, Villares, Juergen (Álvaro Rey, min. 80); Quiles (William, min. 80), Miku e Soriano (Rafa de Vicente, min. 68).

Albacete Balompié: Bernabé; Attipoe, Boyomo, Djetei, Alonso; Fran Álvarez (Éric Montes, min. 95), Riki (Alberto Jiménez, min. 64), Rubén, Fuster, Kike Márquez (Sergi García, min. 88); Jordi Sánchez.

Goles: Mario Soriano (min. 26); Alberto Jiménez (min. 82), Jordi Sánchez (min. 112).

Asistencia: 27.215 persoas asistentes de ambas as afeccións no Estadio de Riazor.

Comentarios