O Dépor masculino de Óscar Cano volve facer o ridículo e o feminino perde o ascenso directo

Domingo negro para os intereses do conxunto branquiazul
O masculino branquiazul fixo o ridículo en Linares (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O masculino branquiazul fixo o ridículo en Linares (Foto: RC Deportivo).

A mañá de hoxe para o Real Club Deportivo foi unha destas, como se adoita dicir, das que máis valía non levantarse da cama.

Nunha xornada negra na que xogaron paralelamente o masculino e o feminino, ambos os conxuntos dixeron adeus de forma definitiva ás súas esperanzas de ascenso directo.

Os homes viaxaron a Linares coa idea de asirse até o último momento á remota posibilidade de rematar en primeiro lugar, para o que era imprescindíbel superar o Linares. 

Contra prognóstico, dadas as lamentábeis prestacións que adoitan ofrecer os de Óscar Cano a domicilio e ás ausencias de Quiles e Lúcas Pérez, alcanzaron o tempo de descanso cun 0-2 ao seu favor, tantos de Zalazar no minuto 8 e de Saverio no 24.

Porén, despois do intermedio o Deportivo saltou ao terreo de xogo do Municipal de Linarejos cunha empanada de troitas que nin as que degustou Raxoi hoxe na festa popular de Oroso e recibiu tres goles en contra en menos de 20 minutos (López, '55; Corral, '63; Varela '73).

Totalmente KO, Cano evidenciou as súas carencias para modificar os seus plans cando as cousas non se cinguen ao guión, o que unido ao estado de sublevación de boa parte da afección eleva as miradas ao palco de autoridades. Será Cano quen dirixa no play-off un Dépor que, a día de hoxe, está totalmente KO?

Distinto é o panorama no feminino blanquiazul, que se ben non foi quen de facerse co ascenso directo logo de empatar sen goles no campo do DUX -o que, unido ás táboas entre o líder Eibar e o Granada deixouno sen liderado-, a comuñón total entre futbolistas e adestradores é total e leva a pensar con optimismo nun futuro na Liga F despois da promoción.

Comentarios