Fútbol sala

O 'David' noiés busca unha fazaña bíblica ante o 'Goliat' mallorquino

Noia debuta no 'play-off' contra o campión europeo.
Cléber (Mallorca) e Lluc (Noia). (Foto: LNFS).
photo_camera Cléber (Mallorca) e Lluc (Noia). (Foto: LNFS).

Di a Biblia que Goliat era un temíbel xigante "de seis cóbados e un palmo de altura -o que equivale a 2,9 metros-, con seis dedos en cada man, unha armadura de bronce e unha lanza con punta de ferro como arma".

Non obstante, a pesar da súa máis que aparente superioridade foi derrotado por un home normal, o pastor David, que tan só contaba cunha tirafonda e unhas cantas pedras.

A historia superou a barreira dos tempos, transcendendo os límites do eido relixioso para ser abrazada con efusividade por xornalistas deportivos de todo o mundo, que recorren a ela cada vez que un equipo pequeno se atreve a desafiar o poderío dun xigante.

O partido está programado no Palau d'Esports Son Moix ás 19.30 horas do 24 de maio

E precisamente este é o caso do galego Noia Portus Apostoli, un conxunto recentemente ascendido á Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) que esnaquizou todos os prognósticos concluíndo a fase regular da competición na oitava posición e, polo tanto, coándose no play-off que ditaminará quen é o campión da tempada 2022/23.

O papel de Goliat, nesta ocasión, estará interpretado polo Mallorca Palma Futsal, vixente campión de Europa, primeiro clasificado na rolda inicial do torneo e, polo tanto, adxudicatario da vantaxe de campo nunha eliminatoria que arrancará ás 19.30 horas desta cuarta feira no Palau Municipal d'Esports Son Moix da capital balear.

Se ben todo apunta a unha vitoria local -como aconteceu xa dúas veces esta campaña, na que os insulares lograron imporse por 5 a 1 e 4 a 2-, os galegos soñan con repetir a espectacular actuación que os levou a empatar a dous tantos o pasado mes de novembro.

De conseguilo, contaría co apoio do seu público para fechar a fazaña no Agustín Mourís no segundo partido da eliminatoria, que está programado o sábado 27 de maio ás 19 horas.

Comentarios