Cristina López, vicerreitora de Igualdade da UDC: "As mulleres sofren moitos estereotipos no deporte"

Os pasos adiante non implican que non exista o perigo de volver atrás. Con esa actitude Cristina López Villar, profesora da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física na Universidade da Coruña, traza unha panorámica sobre o estado do deporte feminino na Galiza e as súas perspectivas de futuro inmediato.
A mestra sostén que as deportistas afrontan varias desigualdes. (Foto: UDC).
photo_camera A mestra sostén que as deportistas afrontan varias desigualdes. (Foto: UDC).

Nunha data tan importante como a de hoxe, 8-M, cal é a súa visión do estado actual do deporte feminino na Galiza?

Eu diría que contamos con xente moi talentosa, que está nos primeiros lugares do seu deporte, un feito que se leva producindo desde hai anos, pero iso non se corresponde despois co apoio que teñen esas mulleres para chegar a esa posición, pois en moi diferentes lugares continúan existindo contornas totalmente patriarcais, con moito machismo... o que fai que as mulleres teñan que afrontar varias situacións de desigualdade ao longo da súa carreira deportiva.

Isto prodúcese por igual con independencia da disciplina?

Non, pasa nuns deportes máis que noutros, pois non é o mesmo practicar modalidades altamente masculinizadas como son o rugby e o fútbol, e nas que os homes teñen maior privilexio. Moitas veces non se entende que o deporte, socialmente, ten unha visión moi clásica, de que é só para eles e que nós as mulleres estamos alí de invitadas, como de prestado.

Cando cre que comezan as mulleres a ser vítimas desa óptica: na base? Na adolescencia? Xa nunha idade máis adulta?

Xa desde pequenas, pois chega un momento no que, por exemplo, as que xogan a fútbol con rapaces vense obrigadas a deixar de facelo e, se viven nun lugar onde non hai mozas suficientes para formar un equipo feminino, din adeus ao deporte. E logo está a situación de que tamén desde cativas recibimos unha morea de estereotipos só polo feito de movernos: que coidado con manchar o vestido, de ensinar as bragas na randeeira... e iso pasa porque hai un ideal do que debe ser unha nena, dócil, boíña e quietiña, e as que fan deporte contradín ese modelo tradicional que semella do século XIX, pero isto séguese a ver.

Falamos de intricados  procesos de socialización que transcenden a barreira do deportivo...

Claro. Como socializan os nenos e as nenas? A eles motiváselles para que fagan actividades deportivas, e aínda que ás nenas cada vez máis, faise de forma moi estereotipada. Indo ás escolas, alí as actividades extraescolares mostran que a danza ou a patinaxe teñen maioría de rapazas, pero deportes colectivos como o fútbol, maioría de nenos. No baloncesto tamén, pero depende da escola. Todo isto obedece a unha presión sobre as rapazas, que as vai orientando cara un modelo estereotipado de deporte. O ideal, para min, sería que as actividades deportivas nas escolas estivesen equilibradas entre nenos e nenas, e iso non pasa.

Cales son, ao seu xuízo, os avances máis significativos que se produciron nos últimos anos ou, no estremo contrario, os pasos para atrás máis graves que se deron, no caso de darse algún? 

Quero pensar de modo optimista, e si que penso que se vai avanzando. Por exemplo, hai anos nin se formulaba a posibilidade dun convenio colectivo das xogadoras de fútbol, e conseguiuse. Tamén existían desigualdades nos premios no tenis, e iso cambiou, aínda que noutros deportes non se acadou esa igualdade. Por cousas como estas son optimista, pero sen esquecer que no tema do xénero non se pode baixar a garda, pois en calquera momento podemos volver atrás. Aí está o caso do voleibol, no que as nenas transmiten as súas queixar por ter que levar uns culottes incomodísimos que non teñen que vestir os homes. Por que son diferentes as prendas deportivas para elas e eles? Iso obedece a unha visión perversa do deporte pola cal as mulleres teñen que ensinar o corpo.

Comentarios