A Coruña será a sede en outubro do torneo de fútbol gaélico máis importante de Europa

O Pan-Euro achegará até a cidade herculina máis de 500 deportistas.
Tanto a nivel de clubs como de seleccións, o poderío da Galiza no fútbol gaélico é incuestionábel. Na imaxe, as xogadoras do conxunto coruñés Fillas de Breogán alzan o título que as recoñece como vencedoras na Copa Intermediate do Campionato Paneuropeo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Tanto a nivel de clubs como de seleccións, o poderío da Galiza no fútbol gaélico é incuestionábel. Na imaxe, as xogadoras do conxunto coruñés Fillas de Breogán alzan o título que as recoñece como vencedoras na Copa Intermediate do Campionato Paneuropeo (Foto: Nós Diario).

O fútbol gaélico, o único deporte no que a selección galega pode competir oficial e internacionalmente, continúa o seu crecemento; nesta ocasión da man da principal competición continental de clubs, o Paneuropeo, que terá lugar na Coruña o 15 de outubro.

Organizado por Fillos de Breogán, o conxunto gañador da modalidade feminina do Pan-Euro na súa última edición, en 2019, as sedes escollidas para o desenvolvemento da competición serán a Cidade Deportiva Arsenio Iglesias, os campos de fútbol de San Pedro de Visma e o Estadio de Elviña.  

A presidenta do conxunto herculino, Paula López, explica a Nós Diario que tiñan "apalabrado" o torneo desde o ano 2020, pero que non se puido levar a cabo "por causa da pandemia" da Covid-19.

Con respecto á transcendencia da proba, López estabelece unha comparación coa Champions League de fútbol porque "é o torneo de clubs máis importante a nivel europeo". Porén, tamén traza unha distinción, pois "o Paneuropeo tamén sería a Europa League [a segunda proba máis relevante], xa que está estruturado nunha categoría principal (Championship), a Intermediate -modalidade na que Fillos de Breogán levantou o título feminino en Viena '19 após derrotar na final París Gaels por 12 a 9- e a Júnior". "O obxectivo deste sistema é que toda a xente que vaia competir se estea xogando algo", engade.

50 equipos de 20 países diferentes

A organización aínda non está en condicións de confirmar con exactitude o nome de todos os equipos participantes, pero lembra que na pasada edición "participaron 700 deportistas e arredor de 50 conxuntos de 20 países como Luxemburgo, Polonia, Holanda, Bélxica, Francia, Austria, Alemaña ou Eslovaquia". 

A pesar do elevado número de partidos previstos, o Paneuropeo levarase a cabo nunha única xornada, o que suporá un "importante esforzo" para o Fillos de Breogán, que considera que o seu triunfo en 2019 tivo moito peso á hora de que aceptaran a candidatura herculina para organizar a Champions League do fútbol gaélico. 

Comentarios