O Consello Superior de Deportes quere suspender Pedro Rocha

Agrávase a crise na Federación Española de Fútbol.
O candidato único á presidencia da RFEF podería non chegar nunca a tomar posesión do cargo. (Foto: Europa Press).
photo_camera O candidato único á presidencia da RFEF podería non chegar nunca a tomar posesión do cargo. (Foto: Europa Press).

O escándalo continúa sacudindo a Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Pero como dirían nos cómics de Mafalda, o que acontece non é o acabóse, senón o continuóse do empezóse.

Porque antes das -polo de agora presuntas- ilegalidades de Pedro Rocha estiveron as de Luis Rubiales, actualmente xulgado tanto polo bico non consentido a Jenni Hermoso despois da final do Mundial como polos contratos que asinou con Arabia Saudita.

E, anteriormente as do todopoderoso Ángel María Villar, quen dirixiu o ente de 1988 a 2017, até a súa destitución pola súa implicación no Caso Soule, que destapou un desvío de oito millóns de euros.

Non se di nada nestas liñas do seu predecesor, José Luís Roca (1984-88), home de pel fina cos medios que no pasado interpuxo -e gañou- demandas contra xornalistas como José María García, quen revelara nas ondas como participara nunha festa con prostitutas logo dun partido internacional entre España e Suecia.

Tampouco era amigo Supergarcía do falanxista Pablo Porta (1975-84), "Pablo, Pablito, Pablete", posto a dedo no cargo meses antes da morte de Franco 

"A escola da vida" lévao a ingresar 675.671 euros 

O último aspirante a ocupar o trono do fútbol español, Pedro Rocha, pode que rache cun récord, pois podería ser suspendido antes incluso de ocupar un cargo que xa ostenta virtualmente, pois foi o único candidato que reuniu os avais suficientes para presentarse a unhas eleccións das que debe saír o substituto de Rubiales.

Na súa recente comparecencia ante a xuíza Delia Rodrigo, que decidiu imputalo no marco da Operación Brodie -que apunta a delitos como pertenza a organicación criminal, administración desleal e corrupción nos negocios- logo de declarar como testemuña a pasada sexta feira, o ex presidente da Federación Estremeña, que se puxo a si mesmo un salario anual de 675.671 euros durante o período en que dirixiu a Comisión Xestora da RFEF, recoñeceu que non tiña estudos e que estaba educado "na escola da vida".

Isto, unido ao expediente sancionador que lle abriu o Tribunal de Arbitraxe Deportivo (TAD) a pasada terza feira por "infraccións moi graves"  levou non só ao adiamento do seu nomeamento oficial como novo presidente da RFEF, senón a acabar coa paciencia do Goberno estatal, que expresou a súa posición a través do responsábel do Consello Superior de Deportes (CSD), José Manuel Uribes.

Este manifestou, nunha comparecencia pública no día de onte no Congreso dos Deputados, que "tras a resolución do TAD cualificando a actuación do presidente [Rocha] e a Comisión Xestora como moi grave", que convocará "nos próximos días" a Comisión Directiva do CSD para "tomar unha decisión acorde a unha situación de vergoña". 

O obxectivo non é outro que votar a suspensión provisional de Pedro Rocha e do resto dos integrantes da Comisión Xestora, algo para o que o CSD está en contacto coa FIFA, e así "adoptar de maneira coordinada todas as medidas necesarias para evitar que se repita unha crise reputacional como esta na Federación".

Pola súa parte, Rocha adopta a mesma estratexia que Rubiales no seu momento e deféndese como gato panza arriba porque, segundo revelaron fontes próximas ao dirixente, pensa que non fixo nada ilegal, e incluso podería interpor demandas para defender a súa honorabilidade.

Máis en DEPORTES
Comentarios