Compostela recibe o sábado o Campionato Xunta da Galiza Sub-20

Beatríz López, do Riazor A Coruña, e Nadia, do Lía do Val Miñor (Foto: FGA).
Ainhoa Repáraz e Alba Cuns están entre as favoritas na cita de atletismo na capital galega.

Máis de 250 atletas competirán este sábado nas pistas universitarias de Santiago nunha nova edición do Campionato Xunta da Galiza da categoría Sub-20. Estarán loitando polos podios e tamén por acadar as mínimas para poder estar no estatal da categoría que decorrerá en Soria (Castela e León) os días 22 e 23 de xullo. 

Na relación de participantes, destaca a presenza da internacional e plusmarquista galega dos 100 metros, Ainhoa Repáraz (Val Miñor), que correrá os 100 e os 200 metros. Tamén estará Alba Cuns (Playas de Castelló), outro dos referentes no concurso de triplo salto que parte como favorita.

De igual modo, en peso e disco estará a subcampioa de España do ano pasado, Xiana Lago (Ría Ferrol).

No concurso de martelo salientar a presenza de Blanca Pereira (Ourense Atletismo) xunto ás especialistas en combinadas, e tamén medallistas, Lucía Sánchez (Atlética Lucense) e Carlota Salgado (Celta). 

Varias medallas en pista cuberta tamén poden ter posibilidades. É o caso de Isabel Caeiro (Ximnástica de Pontevedra), nos 3.000 metros;  Emma Sihuang Pérez (Atlética Lucense), en altura; Fernando Vallines  (Madeiras Barcia Lourenzá) en peso; e Nicolás Ortega (Atletismo Sada), en disco.

Con opcións para o campionato estatal están tamén Xoel Otero (Mazí), sobre o triplo, lonxitude e os 110 valos; David Vicente (Playas de Castelló),  nos 110 valos; e Pedro Vázquez (Celta), nos 1.500 metros.

Por último non se debe perder de vista medallistas que fixeron un bo papel no último galego absoluto: David García (Atletismo Santiago), en altura; Paula Noya (Atlética A Silva), nos 400 metros; María Ouréns (Atletismo Sada), nos 400 valos; e as atletas Beatríz López (Riazor A Coruña) e Nadia Lía (Val Miñor) nos 800 metros.