Compostela entrega os premios da VI Gala do Deporte: estas son todas as gañadoras

A gala recoñeceu o mellor da tempada 2022/23.
A entidade deportiva máis destacada desta edición é o Club Natación Cidade de Santiago. Na imaxe, o seu representante recibindo o premio. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A entidade deportiva máis destacada desta edición é o Club Natación Cidade de Santiago. Na imaxe, o seu representante recibindo o premio. (Foto: Nós Diario)

O Auditorio da Galiza acolleu no serán desta segunda feira a gala dos VI Premios Santiago Deporte, unha cerimonia na que se entregaron os galardóns nas 12 categorías que integraron esta edición e cos que o Concello da capital galega busca "recoñecer publicamente as persoas, entidades, centros educativos e empresas que polo seu labor desenvolvido ao longo da tempada 2022/23 ou no ano 2023 contribuíron ao fomento da práctica de actividade física e o deporte entre a poboación".

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presidiu un acto que tamén contou coa presenza da concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, e de distintos membros da Corporación Municipal e do Comité Avaliador, que completaron un representante de cada un dos grupos políticos e outro dos medios de comunicación con sede en Santiago de Compostela, entre eles Nós Diario.

Con respecto ás gañadoras e gañadores, o premio a mellor deportista feminina absoluta foi para a ciclista Iria Nieto, mentres que o masculino recaeu no piloto de rally Luís Penido.

Nas categorías de base, a vencedora foi Julia Salvado, unha estrela emerxente no mundo do mushing, mentres que o triunfador entre os homes foi o triatleta campión do mundo Sub-19 Lucas García, quen o pasado mes de xaneiro sufriu un grave accidente adestrando.

Por equipos, os Premios Santiago Deporte recaeron no Tuxeleires de rugby inclusivo e o Club Natación Cidade de Santiago, mentres que Aspanaes, a Asociación Española Contra o Cancro e Xoiería Jael foron galardoadas como mellor entidade educativa, actividade ou acción social e patrocinio deportivo, respectivamente.

Ademais, Víctor Pérez e Gonzalo Rodríguez, axudantes de Moncho Fernández no Obradoiro de baloncesto, compartiron o premio a adestrador máis destacado, impoñéndose por último Chus Blanco no de mellor árbitro e Borja Golán no premio á traxectoria deportiva.

A Deputación convoca os seus Premios do Deporte

O Teatro Colón da cidade herculina acollerá o 12 de abril, a partir das 20 horas, os Premios do Deporte Deputación da Coruña, cos que a institución "desexa homenaxear e recoñecer o talento e o esforzo das deportistas" nuns galardóns que contan con 15 categorías diferentes.   

Comentarios