Compostela acolle o I Internacional de Balonmán Deputación da Coruña

O certame reunirá 20 equipos e 450 deportistas
Presentación do evento, na Praza do Obradoiro de Compostela. (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera Presentación do evento, na Praza do Obradoiro de Compostela. (Foto: Deputación da Coruña).

O Concello de Compostela acollerá desde o día de mañá e até o 11 de decembro o I Torneo Internacional de Balonmán Deputación da Coruña, no que participarán 20 equipos e máis de 450 deportistas das categorías infantil, cadete e xuvenil tanto masculina como feminina.

A cita desenvolverase grazas á financiación da Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e o Centro Superior de Hostalería da Galiza, no que xa se aloxan  os distintos combinados.

No aspecto deportivo, o principal obxectivo desta competición é "servir como preparación das seleccións galegas de cara ao Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA)", que se levará a cabo do 3 ao 8 de xaneiro de 2023 en Benidorm. 

Esta cuarta feira tivo lugar o acto de presentación do evento no Pazo de Raxoi, onde se xuntaron a deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán; a concelleira de Deportes de Compostela, Esther Pedrosa; e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López.

“Organizamos este campionato que, ademais de servir como preparación para o Campionato de España de Seleccións Territoriais, pretende promover o balonmán entre a mocidade", explicou Capelán. A deputada destacou ademais a importancia de apoiar este tipo de competicións para "fomentar a afección ao deporte entre a xuventude e promover, tamén, hábitos de vida saudábeis".

Os combinados do Principado de Asturias e da rexión de Porto, xunto con catro equipos galegos da categoría sénior (BM Reconquista, BM Brigantium, Calmear Rasoeiro e BM Culleredo), serán os encargados de poñer a proba o nivel das diferentes seleccións galegas neste último tramo da súa preparación antes do CESA 2023 nunha serie de choques programados nos pavillóns do Restollal e de Fontiñas.

Comentarios