O COI abre minimamente a porta á participación de rusos e bielorrusos nos Xogos

As condicións que esixe minimizarán a súa presenza en París 2024.
Rusia non competirá coas súas cores nos Xogos de 2024. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Rusia non competirá coas súas cores nos Xogos de 2024. (Foto: Nós Diario).

O Comité Olímpico Internacional (COI) autorizou a participación baixo bandeira neutral dos deportistas rusos e bielorrusos nos Xogos Olímpicos de París 2024, ademais de informar de que, ata o momento, só hai once deportistas deste tipo clasificados para a cita do próximo verán.

O pasado mes de marzo, o COI recomendou ás federacións que permitisen reintegrarse nas súas competicións aos deportistas de Rusia e Bielorrusia, que tiveron prohibida a súa participación internacional a causa do apoio dos seus países á guerra de Ucraína.

Agora, a Xunta Executiva do COI decidiu que os deportistas neutrais individuais que lograsen o boleto para París a través dos sistemas de clasificación das federacións internacionais poderán ser "declarados elixíbeis" para competir nos Xogos Olímpicos, aínda que sempre baixo "estritas condicións".

De feito, o organismo informou de que, dos 4.600 deportistas de todo o mundo que xa se clasificaron para París 2024, só hai 11 neutrais -oito con pasaporte ruso e tres con pasaporte bielorruso-. A delegación ucraína, na que se temían ausencias como posible boicot á presenza rusa, consta xa de máis de 60 deportistas.

Entre esas condicións que deben reunir estes deportistas está a de ser inscritos como neutrais individuais, polo que non se terán en conta os equipos rusos e bielorrusos.

Ademais, os e as deportistas que apoien "activamente a guerra", que estean "contratados polo exército" ou que pertenzan a "as axencias de seguridade nacional rusas ou bielorrusas" non serán elixíbeis para inscribirse nin competir".

Tamén deberán cumprir "todos os requisitos antidopaxe"; non se exhibirá ningunha bandeira, himno, cores nin ningunha outra identificación de Rusia ou Bielorrusia; e non estarán invitados políticos rusos nin bielorrusos.

Comentarios