O Parrulo perde co Betis e xa é o fechacancelas da Liga

A escuadra ferrolá mereceu mellor sorte
Os galegos caeron a pesar de chegar a ir gañando 2-0. (Foto: O Parrulo).
photo_camera Os galegos caeron a pesar de chegar a ir gañando 2-0. (Foto: O Parrulo).

O Parrulo deixou escapar un partido que empezou moi ben, pero que acabou en pesadelo para o conxunto ferrolán, que caeu por 2-5 ante o Real Betis na oitava xornada da Primeira División dunha liga de fútbol sala da que ocupa a décimo oitava e última posición con tan só dous puntos logo de seis encontros disputados.

Esta derrota resulta especialmente dolorosa para O Parrulo porque o choque non puido comezar mellor para os intereses dos galegos, pois Miguel aos dous minutos soltaba un zapatazo desde o borde da área que se colaba pola escuadra defendida por Sarmiento e subía o 1-0 ao marcador.

Pero a cousa non quedaba aí, xa que os ferroláns mantiveron a intensidade da partida e pouco máis tarde, aos 10 minutos de xogo, e tras un balón ao traveseiro de Adri, Isma aproveitaba un espectacular pase co calcaño de William para facer o 2-0.

Os xogadores do Parrulo estaban a realizar o mellor xogo de toda a tempada, e preto estiveron de facer o terceiro cun tiro do propio Isma desde a frontal da área que rebotaba no pau. Pouco despois, Adri tivo outra boa oportunidade, mais por desgraza en tan só un minuto chegábase ao empate, cun primeiro gol de Borja Blanco nun corner e outro de Ivi aproveitando un centro ao segundo pau para facer o 2-2, resultado co que se chegaría ao tempo de descanso.

Na reanudación revertéronse os papeis, porque nunha das primeiras xogadas foron os béticos os que marcaron, cun gol de Eric ao segundo pau nunha xogada de saque de esquina. Este tanto esnaquizou psicoloxicamente un Parrulo que xa nunca se recuperaría, o que non quere dicir que non tivese algunhas oportunidades, especialmente nas botas de Iago Rodríguez e Ique. 

Finalmente, a escuadra andaluza deu un golpe enriba da mesa cun gol de Chaginha nunha rápida xogada polo lateral da área, subindo o 2-4 ao marcador. As cousas púñanse moi complicadas para os ferroláns, que intentaron reaccionar, mais non tiveron a sorte de cara, como demostra o balón enviado por Adri ao traveseiro por cuarta vez no partido, esta vez nun libre directo.

Xa nos últimos intres do choque, e con Miguel como porteiro-xogador, Borja Blanco facíase cun balón en media pista, logrando anotar a portaría baleira o definitivo 2-5.

Comentarios