A clásica Media Maratón volve a Pontevedra

A cita será este domingo 17 de outubro e estará organizada pola Sociedade Ximnástica. Confirmaron a súa presenza deportistas de elite como Carlos Porto e Adrián Lago.
Presentación da Gran Fondo e a Medio Maratón de Pontevedra (Concello de Pontevedra).
photo_camera Presentación da Gran Fondo e a Medio Maratón de Pontevedra (Foto: Concello de Pontevedra).

A clásica Medio Maratón de Pontevedra regresa este domingo 17 de outubro. En 2020 serviu de exemplo como primeira proba en ruta a nivel estatal e o éxito do seu protocolo marcou a realización doutras carreiras.

Agora volve, como xa é habitual, organizada pola Sociedade Ximnástica e coa incorporación, unha vez máis, dos 10 km, unha distancia moi demandada a través das redes sociais desde que en 2019 se incluíse por primeira vez e que en 2020 non se puidera manter polas limitacións de ocupación que existían naquel momento.

Desta maneira, das 950 persoas inscritas nesta edición, 350 participarán nos 10 km e 600 no medio maratón, quedando unicamente 50 das prazas dispoñíbeis sen cubrir na distancia curta e enchéndose por completo a de 21.097 metros. 

Participación de deportistas de elite

As probas desenvolveranse nun circuíto urbano, fechado ao tráfico e sobre asfalto, no que cada quilómetro estará sinalizado visualmente. A saída será na Ponte de Santiago e rematará nas pistas de atletismo do CGTD, onde as e os atletas correrán pola rúa 1 das mesmas, para dar case unha volta completa e atravesar a liña de meta. 

Nas dúas carreiras confirmaron a súa presenza grandes figuras do deporte.

Na proba de 10 km estarán Carlos Porto, atleta vigués fondista e mediofondista, campión na distancia curta en 2019, vixente campión galego nos 3.000 metros e subcampión galego absoluto de 1.500 metros; Adrián Lago Tizón, atleta vigués fondista e mediofondista que volve competir despois de un ano de parada; tamén o vallisoletano Víctor Alonso e María Ángeles Castro Rosales.

A distancia longa contará con deportistas de máximo nivel como Carlos Villamor, atleta internacional en categoría xuvenil; Álvaro Prieto, fondista e vixente subcampión do Medio Maratón de Pontevedra; Manuel Hurtado, atleta e adestrador da Ximnástica, un dos fondistas de máis renome galego e o deportistas que máis veces gañou a proba, resultando campión en 2012, 2013 e 2015 e quedando segundo en 2014 e en 2018;  Edymar Brea, vixente campioa do medio maratón e Sara Castillo, terceira na edición realizada en 2020.

Tamén ten previsto acudir á cita a medalla de bronce no Europeo sub23 de 20 km marcha, Antía Chamosa.

Comentarios