Mundial de Qatar

As cifras de asistencia, nova polémica na Copa do Mundo

Os datos oficiais non coinciden coa realidade.
Segundo a FIFA, no Tunisia-Dinamarca había 42,925 persoas. (Foto: EP).
photo_camera Segundo a FIFA, no Tunisia-Dinamarca había 42.925 persoas. (Foto: EP)

As polémicas arredor da Copa do Mundo máis criticada desde a disputada na Arxentina de Videla en 1978 non cesan, e a última está relacionada coa asistencia aos estadios. Veñen sendo habituais as imaxes das bancadas medio baleiras, incluso no partido inaugural no que participaba o país anfitrión, que a organización está tratando de compensar abrindo as portas dos recintos no descanso a persoas sen boleto.

Porén, a FIFA oficializou unhas cifras de asistencia tan cuestionábeis que en ocasións están por enriba da capacidade dos propios estadios. Por exemplo, segundo o organismo reitor do fútbol o Inglaterra-Irán tivo 45.334 espectadores, cando supostamente no Khalifa non poden entrar máis de 40.000, mesmo caso que no Qatar-Ecuador (67.372>60.000) ou o Senegal-Países Baixos (41.721>40.000).

Arabia Saudita protagoniza unha  sorpresa histórica 

A derrota da Arxentina onte ante Arabia Saudita (1-2) entra directamente nos libros de récords como unha das maiores sorpresas da historia do torneo, xunto coa vitoria dos Estados Unidos sobre Inglaterra en Brasil '50, a de Corea do Norte ante Italia en 1966 e a de Alxeria contra Alemaña en 1982. 

Ninguén agardaba un resultado así, e máis tendo en conta que a Arxentina xa estaba por diante do marcador aos 10 minutos de partido grazas a un penalti materializado polo '10', Lio Messi.

Pero os pupilos do ex deportivista Lionel Scaloni non conseguiron sentenciar o partido -marcaron  tres goles máis, pero todos eles foron correctamente anulados por fóra de xogo tras a súa revisión-, e unha atrevida e alegre Arabia Saudita  empatou tres minutos despois do descanso da man de Al-Sherhri, tanto que esnaquizou psicoloxicamente á Arxentina, que, afundida, asistiu impotente ao gol da vitoria de Salem Al Dawsari no 53.

Catro dos favoritos 'B' entran en xogo no día de hoxe

Sorprendería un triunfo croata, alemán, español ou belga neste Mundial? Algo máis que o dun Brasil ou unha Francia, polo menos antes de ver o rendemento desta unidade 'B' de favoritos que entran hoxe en xogo, abrindo a xornada  o Marrocos-Croacia (11 horas), seguido do Alemaña-Xapón (14 horas), España-Costa Rica (17 horas) e fechando o día o Bélxica-Canadá (2o horas).

Comentarios