Bruxelas ponse de perfil ante as presións da FIFA contra os brazaletes co arco da vella en Qatar

A Unión Europea recoñece os "avances" en Qatar.
Manuel Neuer, porteiro da selección nacional de Alemaña. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manuel Neuer, porteiro da selección nacional de Alemaña. (Foto: Europa Press)

A Comisión Europea (CE) evitou denunciar esta segunda feira as presións da FIFA para intentar impedir a campaña reivindicativa One Love, pola que os capitáns das seleccións nacionais de Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Gales, Inglaterra, Países Baixos e Suíza comprometéranse a portar o brazalete coas cores do arco da vella, en apoio á comunidade LGBT, nos seus partidos do Mundial.

Hoxe mesmo, as sete federacións implicadas emitiron un comunicado conxunto denunciando que o organismo regulador do fútbol mundial "deixou claro oficialmente que o capitán recibirá un cartón amarelo se leva o brazalete One Love". "Lamentamos profundamente que non fose posíbel chegar xuntos a unha solución razoábel", engaden.

As sete federacións manteñen o seu "compromiso" coa mensaxe One Love e todo o que representa, algo que continuarán difundindo. Porén, lamentan, "a prioridade número un de calquera equipo é gañar partidos", polo que fan énfase no "prexuízo" que suporía "que o capitán comece o partido con cartón amarelo", tendo en conta, aliás, que só sete dos 32 equipos participantes se comprometeran con esta campaña.

Ante este veto da FIFA a calquera mostra de apoio a un colectivo duramente perseguido polas autoridades de Qatar, país organizador da Copa Mundial de Fútbol deste ano, a portavoz da Comisión Europea, Dana Spinant, sostivo que “non podemos facer unha declaración porque non temos competencias sobre isto”.

Spinant si manifestou que “é moi importante o significado detrás dos brazaletes co arco da vella; é algo recoñecido polos europeos e polo resto do mundo”.

Presenza da CE na inauguración do Mundial

Por outra parte, a portavoz comunitaria defendeu a participación do vicepresidente da Comisión Europea, Margaritis Schinas, na inauguración do torneo internacional de fútbol. Durante a súa estancia, Schinas reivindicou a organización de Qatar e asegurou que merece un éxito global.

O vicepresidente da CE manifestouse nunha liña semellante á que xa mantivera o portavoz de Exteriores da Unión Europea (UE), Peter Stano, quen salientou que Qatar foi o primeiro país da contorna en fixar un salario mínimo ás persoas migrantes que foron contratadas para a construción dos estadios do Mundial -na súa maioría procedentes do Nepal-, aínda que sen facer referencia aos milleiros de persoas falecidas, segundo numerosos medios de comunicación internacionais e organizacións polos dereitos humanos, polas condicións de traballo extremas.

Nas súas declaracións, Stanos si pediu a Qatar que siga traballando para abordar os “retos aínda pendentes”, e ofreceu os foros e plataformas deseñadas polas institucións europeas para que o país asiático poida facer un seguimento destas cuestións.

Comentarios