O Celta reivindícase asinando un gran papel ante Osasuna

A escuadra celeste imponse na casa por 2-0
Hugo Mallo, cun gorro a causa dunha hemorraxia, marcou o primeiro. (Foto: La Liga).
photo_camera Hugo Mallo, cun gorro a causa dunha hemorraxia, marcou o primeiro. (Foto: La Liga).

Triunfo balsámico do Celta de Vigo ante Osasuna (2-0). A escuadra olívica necesitaba imperiosamente esta vitoria para deixar atrás definitivamente as dúas decepcións consecutivas logo da prematura eliminación en Copa a mans dun equipo de inferior categoría e o adeus practicamente definitivo á loita polos postos europeos tras caer coa Real Sociedade.

Os visitantes, cunha estratexia moi conservadora adoptada polo técnico Jagoba Arrasate -catro defensas máis un trivote conformado por Moncayola, Torró e Darko-, foron moi superiores durante o tramo inicial do encontro, superando en todo momento o rombo Beltrán-Brais-Cervi-Denis configurado polo Chacho Coudet.

Porén, e exemplificando ese vello dito de "no fútbol, quen perdoa, paga", o Osasuna viuse sorprendido por un tanto indescritíbelmente pouco ortodoxo, pois materializouno no minuto 29 un Hugo Mallo que lucía un antiestético gorro de piscina para conter o sangrado froito dun golpe previo na testa aparecendo desde unha posición tan pouco habitual para el como é a liña de tres cuartos. Desde alí disparou coa súa perna mala, a esquerda, un obús que se introduciu no fondo da meta defendida por Sergio Herrera, convertendo así o seu noveno gol en dez anos na máxima categoría e o primeiro dun defensa olívico no que vai de tempada 2021/22.  

O choque abriuse por fin a partir desta acción, pois até ese momento Osasuna, con moi pouco, conseguira controlar o partido e manter atenazado un Celta que tampouco parecía querer liberarse do xugo rojillo. As triangulacións dos homes máis ofensivos do Celta -Santi Mina, Iago Aspas, Franco Cervi e Brais Méndez, coas frecuencias colaboracións do carrileiro Javi Galán- consolidaron a inercia positiva cun segundo gol menos de dez minutos despois do primeiro. Un recurso máxico de Denis Suárez co calcaño habilitou Iago Aspas para dar un fantástico pase da morte que aproveitou Santi Mina para meter o seu sétimo tanto da campaña e o 2-0 co que se alcanzou o intermedio. 

Logo da reanudación ambos os equipos baixaron o ritmo, e a pesar de que tanto galegos como navarros tiveron as súas opcións para mover o marcador, ningún foi quen de conseguilo. Agora, o Celta xa pensa no choque do sábado ante o Sevilla.

Comentarios