O Celta reduce en 10 millóns a súa 'obriga' de ingresos pola venda de xogadores
O Celta fechou o mercado cos mesmos xogadores (28) que tiña en decembro, pero con nove operacións entre vendas, cesións e fichaxes. O máis positivo chegou no apartado económico, onde o equipo vigués puido aforrar uns sete millóns de euros que axudarán a manter os mellores xogadores a vindeira tempada.
O Celta esperaba un mercado de fichaxes tranquilo e tivo todo o contrario. Nas últimas semanas, o equipo vigués levou a cabo nove operacións entre vendas, fichaxes e cesións. Non puido conseguir un dos obxectivos que se marcara o club en decembro e que consistía en reducir o cadro de xogadores. Por aquel entón tiña 28, o mesmo número co que rematará a tempada salvo que ocorra unha gran sorpresa. O que si logrou foi mellorar a súa delicada economía. Entre todas as operacións, na Sede cren que obtiveron un aforro duns sete millóns de euros, aos que hai que sumar o conseguido por clasificarse para as eliminatorias da Europa League. Non é unha cuestión menor, xa que a entidade orzara en 32 millóns de euros os ingresos que debía obter antes do 30 de xuño e, na súa maioría, serán por venda de xogadores.
En Vigo están moi contentos co traballo realizado en xaneiro. Conseguiron o desexado regreso de Fer López, unha das prioridades. A súa volta comezou a xestionarse a finais de outubro e as negociacións prolongáronse durante case tres meses, algo que recoñeceu esta cuarta feira Marco Garcés, director deportivo dos vigueses. O mexicano sacou peito das operacións que levaron a cabo estas semanas e, sobre todo, de como se repuxeron da dolorosa saída de Bryan Zaragoza, que non esperaban. Grazas a iso puideron fichar o último día de mercado a Matías Vecino e a Álvaro Núñez. As tres incorporacións comparten algo: "Perdoaron moito diñeiro para estar aquí", apuntou Garcés.
A operación que mudou todo foi a de Bryan Zaragoza. O Celta soubo do desexo do Bayern e da Roma por romper a súa cesión o pasado 26 de xaneiro, aínda que decidiron non comentar nada ao xogador até que comezase unha negociación, algo que ocorreu o sábado 31, cando o andaluz non entrou na convocatoria para xogar ante o Xetafe. O mexicano recoñeceu que o equipo vigués puido negarse á súa saída ao non existir unha cláusula de corte, pero decidiron negociar cos alemáns ao entender que era unha saída positiva no aspecto económico. Entre o que o Bayern pagou ao Celta e o aforro da súa ficha, o beneficio pode cifrarse nuns 4,5 millóns de euros.
Sen esa saída, é moi probábel que agora non estivese en Vigo o uruguaio Matías Vecino, quen veu reforzar o centro do campo. Precisamente sobre a súa chegada e non a dun extremo como substituto de Zaragoza xustificouse Garcés: "Vimos opcións para a banda, pero entendemos que nos facía máis falta un mediocentro. Cando soubemos que tiñamos a opción de Vecino, non dubidamos. Aporta moito do que nos facía falta. Ten garra, experiencia e físico", apuntou o director deportivo celeste, que tamén abordou o resto das saídas.
As máis complicadas de levar a cabo foron as de Tadeo Allende e Luca de la Torre. Ambas prolongáronse durante dous meses. No caso do centrocampista, a cifra obtida permite pagar a amortización pendente e, ademais, o club aforra o seu soldo durante seis meses. No caso do dianteiro arxentino, foi todo máis difícil. O Inter Miami queríao e o futbolista só quería xogar alí, polo que os demais clubs interesados desapareceron axiña. Tras moitas ofertas rexeitadas, finalmente o Celta aceptou a súa venda por un prezo idéntico ao que pagaron por el en 2024, pero gardando un 50% dos seus dereitos de cara ao futuro. Garcés recoñeceu alivio e satisfacción por non perder diñeiro nunha fichaxe que non saíu como esperaba, aínda que se exculpou ao sinalar que "se fixo cando había outro corpo técnico".
Con todo, o Celta gañou uns sete millóns de euros con todas as operacións, o que lle permite ver o futuro con outros ollos. O club orzou 32 millóns de euros de ingresos antes do 30 de xuño. Aínda que poden obterse de moitas maneiras, a gran maioría chega pola venda de xogadores. Ademais, hai que ter en conta que na Europa League xa obtivo uns tres ou catro millóns máis do esperado, polo que a cifra final de ingresos sitúase agora nuns 21 ou 22 millóns. E a previsión é que siga descendendo para así poder manter a maioría dos seus mellores xogadores a próxima tempada.
Ofertas rexeitadas
Unha das maiores dificultades que tivo o Celta foi resistir ante o interese de moitos equipos estranxeiros por algúns dos seus xogadores. Aínda que Garcés non quixo pór cifras nin nomes sobre a mesa, o certo é que na Sede rexeitaron media ducia de ofertas nas últimas semanas, as máis altas por riba dos 15 millóns de euros e que acabarían cos problemas económicos do club para a presente tempada.
Segundo puido saber Nós Diario, os xogadores que máis interese espertaron foron Williot Swedberg, Ilaix Moriba, Jones El-Abdellaoui, Sergio Carreira e Ferran Jutglà. Por todos eles houbo ofertas en firme, aínda que tamén os propios xogadores rexeitaron cambiar de equipo en xaneiro ao estaren felices en Vigo e sentirse parte moi importante do proxecto.
O Celta traballa en seis renovacións
Ademais de falar sobre o sucedido estas semanas no mercado, Garcés abordou a situación dalgúns xogadores do actual vestiario que rematan contrato este verán ou no de 2027. Tal e como contou recentemente Nós Diario, o mexicano e o Celta son moi optimistas coas renovacións de Marcos Alonso ou Iago Aspas. "Creo que vai quedar outro ano", apuntou o Garcés sobre o atacante moañés. Tamén sinalou que non hai avances en relación a Óscar Mingueza. "Ten unha oferta de renovación pola nosa parte", engadiu.
O director deportivo recoñeceu que o club iniciou conversas con Starfelt, e que proximamente o fará con Pablo Durán, para ampliar os seus contratos, aínda que en ambos os casos teñen asinado até 2027. Igual situación que Claudio Giráldez, co que sentarán nos próximos meses para asinar unha nova renovación antes de que comece a próxima tempada.
Cos que non hai negociacións en marcha nin se espera que cheguen son con Ristic, Aidoo ou Cervi. Do central ghanés, Garcés asegurou que non se pode descartar que poida saír neste mes de febreiro xa que hai equipos da MLS interesados e o seu mercado está aínda aberto. Do arxentino, recoñeceu que hai meses que non teñen contacto de ningún tipo para falar da súa estadía en Vigo ou do seu futuro.


