Así se xestou o agardado regreso de Fer López ao Celta, que 'comezou' xa o pasado verán

Tardou máis do que se esperaba hai un mes, pero Fer López xa é novo xogador do Celta despois de que en xuño o Wolverhampton pagara por el 23 millóns de euros. Tras non xogar moito en Inglaterra, volve á casa. Un regreso que 'comezou' en agosto e no que o xogador e Jorge Mendes puxeron moito da súa parte.
O centrocampista Fer López, esta segunda feira 26 de xaneiro, asinando o seu contrato co director deportivo do Celta,
Marco Garcés, en Vigo. (Foto: RC Celta)
O centrocampista Fer López, esta segunda feira 26 de xaneiro, asinando o seu contrato co director deportivo do Celta, Marco Garcés, en Vigo. (Foto: RC Celta)

O Celta anunciou esta segunda feira a súa primeira fichaxe neste mercado de inverno. Fer López regresa ao equipo vigués seis meses despois de que a súa venda ao Wolverhampton sorprendese a case toda a afección. O talento da Madroa volta a onde foi feliz despois de non ter os minutos desexados en Inglaterra cun equipo que apunta a xogar en Segunda División a próxima tempada. A súa chegada ao conxunto celeste leva semanas xestionándose, con conversas entre os dous clubs desde o mes de novembro, aínda que os ingleses tardaron máis do esperado en dar luz verde. Foron moitos os factores que fixeron posíbel que Fer López volva vestir a camiseta do Celta nun partido oficial. Todo comezou a xestionarse o pasado verán e tivo varios protagonistas, aínda que o que máis ganas puxo foi o propio futbolista.

Para entender esta fichaxe hai que volver ao mes de xuño. Cando moitos seareiros e seareiras do Celta aínda celebraban a clasificación para a Europa League conseguida unhas semanas antes en Xetafe e algúns fantaseaban coa posíbel chegada duns ou doutros xogadores, o equipo vigués e o Wolverhampton negociaban por Fer López, o maior talento da canteira celeste. Facíano por varios motivos; o principal era que o Celta precisaba ingresos antes de rematar ese mes para cadrar as contas e o seu límite salarial. Jorge Mendes, representante do xogador, tamén quería axudarse a si mesmo cunha suculenta comisión e, ao mesmo tempo, levar un dos seus futbolistas a un dos equipos cos que traballa. A priori, todos gañaban.

O centrocampista chega cedido até xuño; no verán os clubs decidirán se continúa até 2027

Moito se falou dos desexos do xogador, que intentou manterse en silencio durante todo este tempo en lugar de desmentir ou confirmar rumores. A verdade é que Fer López non tiña pensado abandonar o Celta cando rematou a pasada tempada. A súa importancia dentro do equipo era cada vez maior e o feito de xogar en Europa facíalle especial ilusión. Con todo, a oferta dos Wolves tamén era moi boa para el no económico, cunha importante suba de soldo, e no deportivo, xa que xogaría na mellor liga do mundo. A quen tampouco lle gustou o acordo, aínda que pouco puido facer para evitalo, foi a Claudio Giráldez, que recoñeceu en múltiples ocasións que lle molestara a venda de Fer López. Aínda que foi alí, no verán, cando se comezou a ‘cociñar’ a súa volta á casa.

En agosto, Celta e Wolverhampton xogaron un partido amistoso que xa estaba pactado cando os dous clubs acordaran o traspaso de Strand Larsen un ano antes. Ese foi o primeiro reencontro de Fer López cos que eran os seus compañeiros e adestradores até poucas semanas antes. Obviamente, todos puxéronse ao día de como lles fora e aínda que o canteirán celeste se mostraba feliz, recoñecía que algo lle custaba adaptarse ao nivel físico do fútbol inglés e ao que lle pedía o seu adestrador por aquel entón, Vítor Pereira.

Foi nese momento cando alguén do corpo técnico do Celta, en ton de brincadeira pero máis en serio do que parecía, suxeriu que volvese a Vigo, que eles e o club recibiríano con os brazos abertos. Aínda que aquela conversa puido pasar desapercibida, foi clave para que uns meses despois se iniciase unha negociación entre os dous equipos, impulsada polo propio futbolista, que morría de ganas por regresar.

Primeiras chamadas

En todo este tempo, Celta e Fer López estiveron en contacto, algo que o club fai con gran parte dos canteiráns que saen de Vigo. Facíao a anterior directiva, encabezada por Carlos Mouriño e Antonio Chaves, e ségueno facendo agora con Marián Mouriño. Case sempre, esas conversas non son sobre un posíbel retorno, pero en novembro o canteirán preguntou pola opción de volver no mes de xaneiro tras recordar a conversa de agosto. Ao Celta si que lle sorprendeu un pouco a oferta pero apuntou que estarían encantados sempre e cando o corpo técnico así o desexase e baixo uns parámetros económicos concretos.

Fer López levaba meses traballando na posibilidade de regresar ao Celta

O primeiro punto quedou solucionado de inmediato. Claudio Giráldez non só non ía pór problemas ao seu regreso, senón que estaba —e está— entusiasmado. O segundo punto tampouco ía ser un contratempo, xa que o propio Fer López dixo que poría de súa parte se for necesario. Foi alí cando comezaron as conversas entre os dous equipos, nas que tamén estaba Jorge Mendes, que coñecía os desexos do seu xogador e que vía ben un regreso a Vigo, sempre como cedido. O Wolverhampton, que cambiara de adestrador pouco antes, pediu algo máis de tempo.

A situación de Fer López non mudou e algo antes do Nadal intensificáronse os contactos. O xogador propuxo ao seu club que o deixase volver unha tempada e media, até 2027, algo que o Celta vía ben pero que os Wolves non aceptaron. Aínda que o acordo tardou máis do esperado, Fer López xogará como cedido en Vigo até o 30 de xuño. Que siga o próximo curso é algo que terán que falar no verán, pero a boa nova para todos é que o futbolista xa xogará esta semana coa camiseta celeste.

Un acordo que ‘comezou’ no verán e que non sería posíbel sen a insistencia do propio Fer López e dun Jorge Mendes que non quixo escoitar outros equipos e que, incluso, presionou o Wolverhampton para que aceptase a proposta do Celta.

O Celta, pendente das últimas operacións

Ao Celta quédalle menos dunha semana para facer operacións no mercado de fichaxes. O equipo vigués foi bastante activo nas últimas semanas, con máis negociacións das que esperaba a mediados do mes pasado. Polo de agora, fechou a fichaxe de Fer López, anunciado esta segunda feira como flamante reforzo, mentres que formalizou as vendas de Tadeo Allende (Inter Miami), Fran Beltrán (Girona), Luca de la Torre (Charlotte) e a cesión de Damián ao Racing de Santander. Con todo, aínda ten traballo por diante.

Claudio Giráldez segue insistindo en que ten un cadro de xogadores moi grande e nas oficinas están a intentar dúas saídas máis: Yoel Lago e Marc Vidal. O central non está a ter moitos minutos e son varios os equipos de Segunda que piden a súa cesión. O club cre que pode saír nos últimos días de mercado e a Cultural e Deportiva Leonesa podería ser o seu destino. O caso do porteiro é distinto e a súa marcha sería mediante unha rescisión de contrato se atopa un novo equipo.

Ademais, Marco Garcés rastrexa o mercado en busca dun mediocentro que axude a Ilaix Moriba, Hugo Sotelo e Miguel Román até fin de tempada. Son varios os xogadores cos que están a falar, entre eles Eustáquio, do Porto. Na Sede non dan por seguro asinar outro xogador nestes próximos días.

Comentarios