Celta: o deus do fútbol, ou non existe, ou é un desalmado

Os celestes intentárono de todos os modos posíbeis, pero non puideron coa Real Sociedade (0-2)
A expresión de Aidoo reflicte a dor e a frustración dos xogadores celestes tras ver como se lle escapaba un choque no que mereceron máis. (Foto: La Liga).
photo_camera A expresión de Aidoo reflicte a dor e a frustración dos xogadores celestes tras ver como se lle escapaba un choque no que mereceron máis. (Foto: La Liga).

O Real Club Celta encaraba coa máxima ilusión o choque en Balaídos ante o líder da categoría, a Real Sociedade, logo de ser quen de golear na pasada segunda feira (0-3 ante o Xetafe) e, o que é máis importante, recuperar as sensacións que caracterizaban o conxunto celeste durante a tempada 2020/21.

É por iso que o preparador olívico, Eduardo Coudet, optou por manter os mesmos once homes que saíron de inicio ante os madrileños, estratexia contraposta á do adestrador rival, Imanol Alguacil, que preferiu dar descanso a xogadores como  Gorosabel, Zubeldia, Guevara, Sorloth e Remiro para dar entrada a xente como Aihen, Zubimendi, Portu, Janujaz e o porteiro Ryan, xogada que sería  decisiva, pois o meta australiano acabaría por ser o home chave deste duelo vasco-galego. 

Nos primeiros 45 minutos o Celta foi de máis a menos. Tanto é así que en lugar dun partido distinto parecía a continuación do segundo tempo de Xetafe, coa clásica formación 4-1-3-2 do Chacho funcionando como unha máquina perfectamente engraxada.

Pasando con precisión, pero sen abusar da horizontalidade, Brais Méndez, Iago Aspas, Denis Suárez, Fran Beltrán, Nolito e Santi Mina intercambiaban balóns e posicións desmontando sen apenas dificultades o sistema defensivo de Alguacil.

De feito, o cronómetro aínda non sinalaba os dous minutos cando Nolito, logo dunha magnífica triangulación con Iago Aspas e Denis Suárez, quedaba só ante Ryan, pero a súa definición foi á dereita do meta australiano. Unha boa idea cunha execución mellorábel, exactamente o mesmo conto que aconteceu 180 segundos despois cando o propio Denis non foi quen de materializar unha boa xogada de Brais Méndez, máis por fortuna do porteiro que por demérito do de Salceda de Caselas.

Logo dun cuarto de hora de abafante superioridade celeste, un erro defensivo de Aidoo posibilitou un man a man do sempre perigoso Isak ante Dituro que, afortunadamente, o arqueiro arxentino foi quen de desviar a córner. Desde ese momento o encontro entrou nunha fase de bloqueo, onde os homes encargados de desconxestionar o centro do campo -Denis Suárez no Celta e Merino na Real Sociedade- non puideron tocar balón con comodidade, resentíndose tanto o nivel de xogo como o espectáculo futbolístico.

Este escenario beneficiou os txuri-urdin, que remataron facéndose co balón e axexando a área olívica, aínda que a mellor oportunidade no que restaba de primeiro tempo caeu do lado local, pois a piques de asubiar o árbitro o equipo tivo unha desas que, como se di nos bares, é máis doado metelas que fallalas: remate de Suárez que Ryan despexa como pode e Santi Mina non atina a metela logo de coller o rexeitamento, permitindo que o  gardamallas aumentase a súa cotización de mercado ao mesmo tempo que se confirmaba como o mellor home do partido.

Quen perdoa, paga

É un vello tópico do fútbol, pero non por iso deixa de ser rotundamente certo: "Quen perdoa, paga". Iso foi exactamente o que lle pasou a un Celta que claramente non ten a sorte do seu lado, pero que tamén evidencia un problema ante a portería contraria que semella xa estrutural e que ameaza con pór en perigo o feliz desenlace da presente tempada. 

Nolito, Aspas, Mina, Brais... todos tiveron claras oportunidades, mais ora Ryan, ora a mala sorte ou a negativa do deus do fútbol, o Celta non conseguía marcar, cousa que si acaban por facer os seus rivais, como lle aconteceu á Real Sociedade, que no 53 anotaba nas botas de Isak o primeiro tanto do encontro, vantaxe que aumentaría até o definitivo 2-0 no minuto 80 cando Merino, libre de marca nun córner, sentenciaba o compromiso.

Comentarios