O Celta de Coudet reivindícase en Balaídos

O Celta acaparou todos os focos na fin de semana futbolística galega logo de apañar un triunfo vital para a loita pola permanencia. Na Segunda, o Lugo asinou un empate co Málaga, e na categoría de bronce o Deportivo levou o derbi galego ante o Rácing, nunha xornada na que o Coruxo, por fin, gañou o seu primeiro partido do campionato.
undefined
photo_camera A escuadra viguesa puxo fin a unha xeira de case tres meses sen coñecer a vitoria. (Foto: La Liga)

Moito choveu en Vigo desde que o 19 de setembro o Celta derrotase o Valencia na casa por 2-1. Pero, como a Lei da Gravidade, hai unha cousa que permanece inmutábel: o nivel de Iago Aspas. 

O de Moaña vestiuse de crack para guiar os celestes á súa primeira vitoria (3-1) en case tres meses, nun recital de xogo no que xa se pode albiscar unha nova dinámica que racha por completo coa etapa de Óscar García.

Porque con Chacho Coudet á fronte o obxectivo non é outro que a portaría contraria. Co mesmo once que predicimos o sábado en Nós Diario sobre o terreo de xogo, o maior obstáculo que atopou a escuadra viguesa non foi o sólido Granada de Diego Martínez -fillo pródigo da cidade olívica que volvía á casa por un día-, senón a alarmante falta de efectividade de Nolito e Santi Mina de cara á portaría, ademais dunha ausencia de solidez defensiva na que Coudet deberá incidir nos adestramentos se quere solventala nas seguintes semanas.

O Chacho mostrouse "moi satisfeito" co rendemento dos seus pupilos despois do partido, e apuntou que nin sequera se lle pasaba pola cabeza a idea de non facerse cos tres puntos.

O Lugo empata

Concluída a triunfal xeira de resultados que o levou directamente do pozo do descenso até os postos de play-off, o Lugo tenta volver agora a unha nova normalidade na que empates como o conseguido fóra da casa ante o Málaga (2-2) son todo un éxito de cara á consecución do obxectivo da permanencia, a pesar de que os de Nafti ben puideron levar a  vitoria após ir 0-2 no marcador até o minuto 70.

O Coruxo rexorde

A noticia da xornada na Segunda División B foi a primeira vitoria do Coruxo, 2-1 ante o Guixuelo. Os de Vigo xa mereceran gañar noutros partidos, pero esta vez a sorte estivo da súa parte. Tamén gañou o Celta B, 0-3 en Salamanca, e un pouco máis ao norte, en Compostela, o equipo local empatou 2-2 ante o líder Pontevedra, nun choque no que os do Lérez foron peores.

A consecuencia directa dese resultado, sumado á vitoria conseguida ante o Rácing de Ferrol (1-0) é que o Deportivo é novo líder en solitario da categoría, a pesar de que unha vez máis o estilo defensivo de Fernando Vázquez provocou críticas entre un sector da afección branquiazul. 

Comentarios