mércores 27/01/21

O Celta, obrigado a gañar ante o 'Euro Granada'

A pesar de estar en novembro, o Celta xoga contra o Granada unha final, que de gañala daría aire a un equipo que ocupa o último posto na táboa. Situación ben oposta viven os equipos galegos implicados no duplo derbi (Compostela-Pontevedra e Rácing-Dépor) da xornada na Segunda B, que queren gañar para seguir medrando. 
A escuadra celeste adestrouse xa nas novas instalacións da Cidade Deportiva Afouteza, en Mos. (Foto: RC Celta).
A escuadra celeste adestrouse xa nas novas instalacións da Cidade Deportiva Afouteza, en Mos. (Foto: RC Celta).

"Gañar, gañar, gañar e volver gañar". O Celta terá que acollerse ao maior principio filosófico do Luisaragonesismo se quere reconducir unha situación que, sen ser aínda dramática por estar na xornada 11, debe ser tomada canto menos como perigosa dada a súa posición de fechacancelas na Liga e, o que é peor, a sensación de que os puntuais erros defensivos que levan toda a tempada acompañando o equipo acabarán por lastrar todo intento de reacción celeste.

O rival non invita a pensar en milagres, pois o 'Euro Granada' do vigués Diego Martínez é un equipo sólido, que destaca polo seu equilibro, mais a afección debe aferrarse á positiva imaxe ofrecida polo novo Celta do Chacho Coudet durante a maior parte do seu primeiro partido, así como á súa aposta polo fútbol ofensivo, a mellor forma de facerlle dano a un bloque sólido como o  moldeado por Martínez.

Este compromiso, programado para p domingo ás 18.30 horas, chega, ademais, nunha semana moi especial para a escuadra viguesa, que acaba de inaugurar as instalacións da nova Cidade Deportiva Afouteza, en Mos, onde xa se desenvolveron os adestramentos previos a este compromiso co Granada. Pese a que o técnico arxentino non deu moitas pistas do posíbel once, ben podería repetir o da pasada semana, sendo así da partida Rubén; Hugo Mallo, Aidoo, Murillo e Olaza na defensa; Tapia, Brais, Denis e Iago Aspas -con total liberdade- formando un rombo no medio do campo; e Nolito e Santi Mina na punta.

Duplo derbi na Segunda B

A categoría de bronce vén marcada esta fin de semana polo duplo derbi galego que protagonizan Compostela e Pontevedra, por unha banda, e Deportivo e Rácing de Ferrol pola outra.

O primeiro destes choques é o único da xornada previsto para o día de mañá, concretamente ás 17 horas no Estadio Vero Boquete de Santiago. Alí, un Compos que vive o seu mellor momento da tempada recibe o líder Pontevedra, que se confirma como aspirante ao ascenso de categoría, pero que nas últimas catro décadas tan só foi quen de conseguir unha vitoria, e xa hai exactamente 11 anos, un equipo aquel no que brillaba a actual estrela dos granotas, Charles Dias.

Do lado capitalino son conscientes do "duro reto" que supón a visita do líder, tal e como apuntou o seu adestrador, Yago Iglesias, que considera que o feito de xogar na casa implica que os seus teñan que "ter o control dos tempos" e "impor" a súa idea de xogo ante un rival perigoso "pola súa verticalidade".

Do mesmo modo, o Deportivo da Coruña-Rácing de Ferrol, que será o domingo ás 17 horas, representa o primeiro encontro entre ambos os conxuntos na categoría de bronce desde a tempada 1980-81, que por aquel entón caera do lado dos Diaños Verdes por 0-2. Desde Ferrol ven este partido, que antes da irrupción do 'Súper Dépor' chegou a ser de forte rivalidade, como "especial", mais, como indica David Rodríguez, "xogar en Riazor supón unha motivación, pero non deixa de ser un campo verde con porterías".

Os seus rivais branquiazuis están enfocados en tratar de deixar atrás a mala imaxe ofrecida no empate ante o Guixuelo, unha situación propia dun equipo que aínda está tratando "de buscar o seu máximo potencial", como recoñeceu o defensa vasco Eneko Bóveda.

 Con respecto aos últimos equipos galegos na clasificación, Celta B e Coruxo, salientar que o filial celeste xoga o mañá ás 17 horas contra o Salamanca, penúltimo clasificado e que estrea adestrador após destituír Sergio Egea tras perder a semana pasada co Pontevedra.

Pouco tempo antes, ás 12 horas do domingo, o Coruxo, fechacancelas da categoría, aspira a lograr a súa primeira vitoria da tempada ante un Guixuelo que vén de empatar co Dépor.

comentarios