Catorce medallas nos estatais, o botín do atletismo galego en tres campionatos

Carmen Martínez, á esquerda, e Sabela Castelo, no centro (Foto: FGA).
A participación galega en tres campionatos estatais deixou catorce medallas e cinco récords para a Galiza. 

Dous ouros, cinco pratas e sete bronces, ademais de cinco récords galegos e dezaseis postos de finalistas, foi o balance total dos resultados deportivos para o atletismo galego nos distintos campionatos de España que decorreron estes días.

Da participación nos Sub-16 de pista cuberta de Ourense, con 35 atletas galegos participantes, salientan os 3.000 metros. Neles, Sabela Castelo, con 9:49.88, e Alex Sierpes, con 8:44.86, lograban o ouro. Para rematar, Carmen Martínez lograba o bronce cun rexistro de 10:10.89. En peso, Hugo Casañas conseguía a prata e tamén o récord galego.

En medio fondo e fondo, Adrián Pérez levaba o bronce nos 1.000 metros e Javier Picos a prata nos 600 metros. Nas combinadas, Celia Fernández acadaba o bronce e, por último, no concurso de altura, Iria Solera lograba outro bronce. 

5.000 e 10.000 metros

Dúas pratas, un bronce e tres postos de finalistas foi o balance galego no campionato de España de 5.000 e 10.000 m. desenvolto na localidade levantina de Burjassot. Na categoría Sub-23, Antía Castro lograba o subcampionato sobre os 10.000 metros cun rexistro oficial final  de 34:54.55. 

Outra das protagonistas foi a medallista Sub-20, Isabel Caeiro, que lograba tamén a prata sobre a proba dos 5.000 metros cun crono de 17:15.70. Para rematar, un novo bronce estatal para o lucense Teo de Frutos, na proba dos 5.000 metros Sub-18, con 15:18.35. 

Campionato de 20 Km

A última fronte competitiva importante foi o campionato de España dos 20 km marcha que se levou a cabo na cidade andaluza de Córdoba.

Nesta edición, o máis salientábel foi o bronce da marchadora da Ximnástica, Antía Chamosa, que cedía tan só ante María Pérez e Raquel González cun rexistro de 1h.31:27. Carmen Escaríz, do Ourense Atletismo, pola súa parte, entraba en meta en posto de finalista, cun crono de 1h.34:54, malia saír dunha lesión.

Por último, nas categorías másters conseguíronse dúas medallas e dous récords galegos. Soledad Pousa, na F50, lograba o subcampionato nacional, con 2h.14:20, e Emilia Rodríguez  colgábase un traballado bronce na F45, rematando con 1h.56:31.