O atletismo galego busca medallas no Sub-23 estatal

Trinta e un deportistas viaxan a Andalucía para participar no Campionato de España Sub-23.
A campioa galega absoluta dos 1.500 metros, María Cedrón (Foto: FGA).
photo_camera A campioa galega absoluta dos 1.500 metros, María Cedrón (Foto: FGA).

O atletismo galego ten unha cita a partir desta fin de semana cos campionatos estatais. Contando, nestes meses, coas pistas cubertas como escenarios privilexiados a primeira saída será os días 4 e 5 de febreiro a Antequera (Andalucía) onde decorrerá o Campionato de España Sub-23.

Para esta ocasión,  a participación galega contará cun total de trinta e un deportistas con opcións de podio. 

Entre elas figura, nas probas de velocidade, a medallista co bronce no galego absoluto Cristina Garrido que estará nos 60 metros. Nos 200 metros loitarán Erik Fernández e Roi Martínez, e nos 400 metros correrán Jorge Román Leiros e María Fernández

As  probas de medio fondo e fondo, serán as que centren boa parte das claras opcións para a Galiza xa que compiten case todas as campioas de España Sub-23 de campo a través da pasada fin de semana en Biscaia: Sara López, Inés Docampo e a campioa galega absoluta dos 1.500 metros María Cedrón, ademais de Lucía Varela. Antía Castro sairá coa segunda mellor marca sobre os 3.000 metros que a colocan como unha das favoritas ao título. 

Na categoría masculina, o campión de España oficioso de campo a través, o estradense Mehdi El Nabaoui, será outro dos claros aspirantes ao triunfo da proba dos 3.000 metros xunto a  Hugo García. Nos concursos salientan Sergio Coello, en lonxitude, e Raúl Cortizo, en altura e lonxitude, finalistas na edición pasada.

Sobre o foxo de lonxitude, as olladas estarán na campioa galega absoluta Andrea Villaverde e en Ariadna Gil na procura dos mesmos obxectivos sobre a proba de triplo. Por último, agárdase unha boa actuación dos finalistas Sub-20 2022, Samuel Lema e Marcos Bouza en peso;  Aitor Fernández en combinadas, e ao campión da Galiza absoluto, Tomás López, en pértega. 

Marcha en ruta e lanzamentos longos

Tamén esta mesma fin de semana, a ruta e a pista centrarán boa parte da actividade atlética federada coa disputa das importantes citas do Campionato Xunta da Galiza de Marcha en Ruta que se desenvolverá en Ames e o de lanzamentos longos absolutos e Sub-23, que terá por sede as pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra.

Comentarios