Tres metais no Estatal para a Irmandiña de atletismo

Dous ouros e unha prata, o balance en Biscaia.
Joselyn Brea, no momento de atravesar como primeira a meta. (Foto: FGA)
photo_camera Joselyn Brea, no momento de atravesar como primeira a meta. (Foto: FGA)

Bo balance para a selección galega no Campionato de España de campo a través que tivo lugar na localidade biscaíña de Ortuella, onde brillou unha nova xeración de deportistas comandada por Joselyn Brea, campioa absoluta.

Porén, o primeiro metal chegou na categoría Sub-23, e máis concretamente na modalidade feminina. Alí, e como se dun guión se tratase, as representantes da Galiza interpretaron á perfección o seu papel ao longo dos 9.500 metros dunha carreira na que tanto María Cedrón (7) como Antía Castro (10) e Sara López (12) lideraron un grupo que, ademais, colocaba o resto de integrantes nos postos importantes da xeral, casos de Branca Fernández (28) e Lucía Varela (33).

Despois de sumados todos os puntos, a Real Federación Española de Atletismo (RFEA) concluíu que a selección galega era a nova campioa cunha mínima marxe dun só punto sobre Castela e León.

O segundo e o terceiro metal da Irmandiña tamén levaron nome de muller, chegando na proba absoluta feminina. Sofía Fernández (72), Begoña Domínguez (70), Esther Navarrete (55), Laura Santos (13) e Edymar Brea (10) contribuíron co seu esforzo a un segundo chanzo no podio por equipos -que completaron Castela León e Madrid- para o que foi fundamental o triunfo individual dunha colosal Joselyn Brea, que inscribiu o seu nome no palmarés xunto co doutras históricas como Estela Estévez, Julia Vaquero e María Abel, última galega en lograr o título estatal de campo a través individual, hai xa 20 anos.

E, para rematar, mención de honra merece Xela Martínez. Na proba Sub-20 feminina tamén participaron, aínda que fóra de concurso, atletas da categoría Sub-18 na procura dun boleto para ser parte do próximo Mundial de campo a través, programado en Australia o próximo 18 de febreiro.

A lucense volveu demostrar por que está considerada como, quizais, o nome máis prometedor do atletismo galego, rematando en segunda posición ante competidoras de maior idade e certificando así a súa presenza nas Antípodas.

Belén Toimil, segunda nas Series Mundiais

A lanzadora de peso de Mugardos rematou un segunda posición cun lanzamento de 18,25 metros -o cuarto mellor da súa carreira- nas prestixiosas Series Mundiais de Manchester.

Comentarios