Carlos Mouriño, ex presidente do Celta, actúa como apoderado do PP en Vigo
18 de febreiro de 2024 (13:58 h.)
Xa estivo presente nesta campaña electoral no mitin de Rueda e Ayuso na cidade olívica.
Entre as miles de persoas que ao longo de todo o país actúan como apoderados das diferentes formacións políticas hai unha cara moi coñecida no mundo do fútbol: a de Carlos Mouriño.
O ex presidente do Real Club Celta -e pai da actual máxima mandataria celeste, Marián Mouriño-, está defendendo as cores do Partido Popular no colexio electoral situado na Casa das Artes da cidade olívica.
Mouriño, que mentres se mantivo no cargo tratou de minimizar a súa vinculación co PP, deixouse ver no mitin ofrecido por Rueda e Ayuso na Estación Marítima durante a presente campaña electoral.
Durante os seus anos no cargo, o ex presidente do Celta mantivo innumerábeis enfrontamentos co alcalde vigués, Abel Caballero, do Partido Socialista.