Carlos Carvalhal non cumprirá o contrato co Celta

Esta tarde anunciará a súa marcha 14 anos despois o capitán, Hugo Mallo, e o Celta xa despediu aos cedidos Óscar, Seferovic e Carles Pérez, quen aínda podería retornar se a Roma de Mourinho, que non contaría con el, está disposta a baixar o prezo de compra.
Carlos Carvalhal, durante o partido ante Osasuna. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera Carlos Carvalhal, durante o partido ante Osasuna. (Foto: AFP7 / Europa Press)

Se o pasado verán foi frenético en Casa Celta, o de 2023 non traerá tampouco calma. Hai menos dunha semana o equipo vigués selaba a permanencia cun agónico triunfo ante o Barcelona (2-1) e, sen dar tempo á afección de dixerir o último treito da tempada, no que a pantasma do descenso volveu sobrevoar Balaídos, non deixan de sucederse as despedidas.

Malia que o único anuncio oficial por parte do clube até o momento foi a marcha de Augusto Solari após dúas campañas e media, nas que disputou 55 partidos e anotou 3 goles, na sede da rúa do Príncipe dan por feito desde hai xa varios meses que Gabri Veiga non vestirá de celeste no centenario. "Non o imos vender, vánnolo comprar", dixo en máis dunha ocasión o presidente Carlos Mouriño, aludindo á cláusula de 40 millóns que une o prometedor centrocampista a Vigo. Unha explicación, porén, que non convence a boa parte da parroquia celeste, que o pasado domingo ante o Barça expresou o seu malestar: "Gabri, si; Mouriño, non".

Quen ten xa as horas contadas —está previsto que o confirme esta sexta feira en rolda de prensa, a partir das 19 horas— é o capitán, Hugo Mallo, cuxa etapa no equipo que o viu medrar como futbolista desde os inicios e no que xogou os últimos 14 cursos chegará á súa fin este mesmo mes, cando remata contrato. "Marcha unha parte do escudo, unha lenda", avanzaba o domingo Iago Aspas, pedindo á bancada unha sonora ovación.

E outra das saídas que xa se prevían en Balaídos é a de Carlos Carvalhal. Así vén de adiantalo a axencia EFE e, previsibelmente, confirmarao o propio clube nas próximas horas. As palabras do adestrador na previa do último partido de Liga xa se presentaban como unha despedida e, após o encontro e unha vez garantida a permanencia, aseguraba ante os micrófonos que non se ataría ao contrato —que expiraría en 2024— se non había consenso co Celta de cara á vindeira campaña.

O que si comunicou o clube de forma oficial, hai escasos minutos, é o retorno dos futbolistas cedidos aos seus respectivos equipos de orixe: Haris Seferovic, que volta ao Benfica; Óscar Rodríguez, quen tentará facerse un oco no Sevilla, e Carles Pérez, con quen a Roma de José Mourinho non conta.

De feito, o centrocampista catalán manifestou publicamente o seu interese en continuar en Vigo, onde se reencontrou co seu mellor fútbol. O Celta contaba cunha opción de compra próxima aos 8 millóns de euros que non está disposto a abonar. Queda por ver se será posíbel o entendemento co clube italiano para rebaixar a operación.

Si continuará no Celta, pola contra, o central vasco Unai Núñez. Farao en calidade de cedido por parte do Athletic Club por unha tempada máis.

Comentarios