VÍDEOS | Así se celebrou na Galiza a vitoria da albiceleste

Scaloni deixa a porta aberta ao Dépor: "É parte da miña vida".
Á esquerda, celebración do triunfo arxentino na fonte de Catro Camiños da Coruña; á dereita, Leo Messi levanta ao ceo a copa. (Fotos: @echeoqhai / Twitter | Robert Michael / DPA)
photo_camera Á esquerda, celebración do triunfo arxentino na fonte de Catro Camiños da Coruña; á dereita, Leo Messi levanta ao ceo a copa. (Fotos: @echeoqhai / Twitter | Robert Michael / DPA)

O gran soño de Leo Messi tornou finalmente en realidade. Tiveron que pasar 36 anos para que a albiceleste reeditase o histórico triunfo en México que elevou Diego Armando Maradona ao Olimpo do fútbol mundial. Durante longos anos, como di a popular canción, Arxentina chorou as finais perdidas, a última en Brasil 2014, fronte a Alemaña (1-0), mais a 'Scaloneta' devolveu a ilusión a todo un país.

Messi non fallou ante a poderosa Francia, como tampouco fallou a fiel bancada arxentina, tanto desde o propio Estadio de Lusail (Qatar) como en Bos Aires, Córdoba ou Santa Fe. Pero o apoio á albiceleste, como era de esperar, transcendeu as fronteiras e tamén na Galiza se viviu con emoción, nervios e intensidade a final do Mundial.

Ao remate do partido centos de persoas que previamente ateigaran os bares tomaron as rúas das cidades galegas para festexar a terceira estrela da Arxentina con bandeiras e cánticos como o xa mítico "Muchachos, ahora nos volvimos a ilusionar" que converteron en himno os propios xogadores ao longo do campionato.

Pasaron xa 20 anos da última visita de Lionel Scaloni á coruñesa fonte de Catro Camiños, onde o Dépor celebra tradicionalmente os seus títulos, e o seu nome volveu retumbar este domingo neste mesmo lugar, epicentro da festa albiceleste.

Mais non foi A Coruña a única cidade que celebrou o triunfo dun país que mantén estreitos vínculos coa Galiza por mor da emigración. En Vigo, o escenario das celebracións celtiñas, a praza de América, congregou tamén centos de persoas ansiosas de festexar ese momento no que Messi levantou a copa ao ceo. E o mesmo aconteceu no Obradoiro de Compostela.

Tamén en Ourense ou Lugo as comunidades arxentinas tomaron as rúas cos seus bailes e cánticos para sumarse á festa. A fin de contas, non todos os días pode un presumir de ser campión do mundo.

Scaloni, sobre regresar ao Dépor: "Tempo ao tempo"

A afección deportivista seguiu con especial ilusión a evolución da 'Scaloneta' en Qatar, pois o seu técnico asegurara, após superar Australia lograr o pase aos cuartos de final, que o seu soño era "adestrar o Dépor". "Voltaremos, téñoo clarísimo", dixo.

Lio Scaloni acariña a copa após vencer Francia nos penaltis. (Foto: Robert Michael / DPA)
Lio Scaloni acariña a copa após vencer Francia nos penaltis. (Foto: Robert Michael / DPA)

Este domingo, após entrar no selecto clube de adestradores que levantaron a Copa do Mundo con Arxentina canda César Luis Menotti e Carlos Bilardo, Scaloni foi abordado por xornalistas da Cadea COPE que lle preguntaron por esa promesa que fixera dúas semanas atrás e que, tras tocar a gloria coas mans, comezaba a tornar en quimera.

Porén, o técnico respondeu contundente, para ledicia da afección branquiazul: "Tempo ao tempo. O Dépor é parte da miña vida, teño aí a miña casa aínda, e haberá tempo para adestralo como prometín. Fareino, porque estou moi agradecido á xente que se portou ben comigo".

Comentarios