Campo da Feira supera a APB e xa é líder na Liga Atlántica de Billarda

A praia de Bastiagueiro, en Oleiros, acolleu a decimo primeira xornada da Lina Atlántica de Billarda. O gañador foi Juan Carlos, de Campo da Feira de Paiosaco.
O gañador da xornada na praia foi Juan Carlos de Campo, da Feira de Paiosaco (Foto: LNB).
photo_camera O gañador da xornada na praia foi Juan Carlos de Campo, da Feira de Paiosaco (Foto: LNB).

A praia de Bastiagueiro no concello de Oleiros (comarca da Coruña) acolleu a décimo primeira xornada da Liga Atlántica de Billarda. Nesta ocasión, a superficie era de area e non deu moitas facilidades para que avanzara a billarda unha vez que golpeaba o chan, mais si favoreceu os escorzos, pinchacarneiros e piruetas acrobáticas das e dos xogadores. 

O gañador da xornada na praia foi Juan Carlos de Campo, da Feira de Paiosaco; segundo foi Óscar Ponte, do mesmo equipo; e terceiro Roi, de APB A Laracha. Na categoría feminina, gañou Merche, de APB; segunda foi Lu, de Lúa de Forza Sanxenxo; e terceira Auri, de Campo da Feira.

Na categoría infantil, o vencedor foi Valentín Pastoriza, de Filloas de Sangue da Coruña; segundo Miguel Cancela, de Campo da Feira; e terceiro Kevin Torres, de APB. 

Actuacións destacadas

Na xornada houbo outras actuacións destacadas. Ademais da vitoria de Juan Carlos, con 17 puntos, mereceu atención Juanchi, de Lúa de Forza, con 19 puntos, que xunto a Edu, de Campo da Feira, con 16 puntos, conseguiron as puntuacións máis altas da xornada.

Ao mesmo tempo foi destacábel, na categoría infantil, Valentín, de Filloas de Sangue, que accedeu á final e a piques estivo de entrar no podio. Josecho, de Filloas, tamén destacou con 15 puntos.

En APB, Collazo e Cotelo foron os que proporcionaron máis puntos, con 13 cada un. En Cochiqueiros, foron Berdi e Viquera, con 13 puntos, os máis destacados.

Após esta fin de semana, a cinco xornadas para rematar, Campo da Feira sitúase líder con 11 puntos por enriba de APB que perdeu a primeira posición. Cochiqueiros, pola súa parte,  afianza a terceira praza que da dereito ás Finais 2023 da LAB.

Comentarios