Burela e Marín protagonizan un derbi galego na elite do fútbol sala

As da Mariña defenden o liderado da Primeira nun partido dedicado á loita contra a violencia de xénero.
O Pescados Rubén é o líder .(Foto: Burela).
photo_camera O Pescados Rubén é o líder .(Foto: Burela).

A máxima categoría estatal con máis equipos da Galiza, a Primeira División de fútbol sala feminino -onde as escuadras do país copan seis dos 16 postos-, volve este sábado cun derbi entre Pescados Rubén Burela e Marín Futsal como prato forte.

No encontro, programado ás 18.45 horas deste sábado no Pavillón de Vista Alegre da localidade mariñá, a formación local defenderá o seu liderado ante un conxunto pontevedrés que necesita os puntos para saír duns postos de descenso que comparte con Leganés e Atlético Torcal.

Este choque da novena xornada será especial, ademais, por razóns extradeportivas, xa que estará dedicado á loita contra a violencia de xénero, razón pola cal o Burela deixará de lado o laranxa habitual nas súas camisetas pola cor morada e portará antes do inicio do partido unha pancarta co logo da campaña do Goberno galego: 'Non á violencia de xénero'. 

Pouco antes, ás 18 horas da tarde, o Viaxes Amarelle da Coruña, décimo clasificado, podería facerlle un favor ao Marín derrotando un dos seus rivais na zona baixa, Leganés, a quen recibe no Pavillón Sagrada Familia da cidade herculina, un escenario moi semellante ao que vivirán na seca Poio Pescamar (oitavo) e Atlético Torcal (antepenúltimo) a partir das 19.30.

Tamén haberá un duelo galego-madrileño sobre o parqué do Polideportivo Santo Domingo, onde o sorprendente FSF Castro de Castro de Rei, undécimo, tratará de conseguir a fazaña de derrotar o potente Arriva Alcorcón, segundo, desde as 19.30 horas da tarde. 

Finalmente, o Ourense-Roldán (Pavillón Municipal, 11h) tamén semella complexo para as das Burgas, que non son favoritas.  

Comentarios