O Burela encara o clásico co Futsi "sen ánimo de desquite"

Comezan as semifinais polo título de Primeira.
Cristina Lourés loitando polo balón nun encontro anterior co Futsi. (Foto: CD Burela)
Cristina Lourés loitando polo balón nun encontro co Futsi. (Foto: CD Burela)

O CD Burela FS afrontará este sábado o inicio das semifinais polo título de Primeira ante o Futsi Atlético Navalcarnero (Vista Alegre, 12.30 horas). Desde a tempada 2011-2012, cando as branquivermellas se fixeron co título, até a campaña pasada, xa coa modalidade de play-off instaurada, ambos os dous conxuntos repartíronse os títulos con excepción do que logrou o Roldán en 2018.

Nos precedentes máis inmediatos, aínda que na rolda final, o conxunto da Mariña impúxose nas edicións 2021, 2023 e 2024, mentres que o Futsi Atlético Navalcarnero apuntouse a do 2022.

Delgado, con confianza

Na rolda de prensa previa realizada esta sexta feira o técnico das laranxas, Julio Delgado, considerou que esta tempada foi "regular" e agora están desexando loitar neste play-off. "O equipo está traballando e temos toda a confianza para afrontar esta primeira semifinal", dixo.

Sobre o rival, o adestrador do Burela FS asumiu que o Futsi "aínda que perdeu o factor cancha nos últimos partidos sempre será un equipo moi competitivo". Esta opinión, valorou Delgado, "non é de agora, veñen sendo así nos últimos anos, polo que agardo un dos dous partidos a cara de can. Sempre serán encontros moi disputados". Ademais, recordou que o equipo madrileño "tivo moito protagonismo durante as últimas tempadas, sendo regular e marcando goles". 

O técnico salmantino lembrou que os dous anteriores compromisos de liga contra o Futsi remataron en derrota por parte galega "cando o obxectivo era quedar primeiros". Con todo, non quere falar de "desquite", posto que agora "comeza outra liga ao mellor de tres e temos que enfocalo así". 

Delgado non deixou fóra a problemática da concentración de partidos en poucos días, mais tivo en conta que o ano pasado "caemos no primeiro choque mais despois fomos capaces de remontar". O desexo do responsábel deportivo do equipo mariñán é que gañen "para que nos dea tranquilidade de cara ao segundo, aínda que serán partidos moi diferentes". 

Delgado asegurou que o equipo está preparado ante un rival que coñece ben. "O mellor resultado será por pequenos detalles e vaino levar quen estea máis concentrado, polo que tentaremos adiantarnos neste primeiro", sentenciou.

Comentarios