A nova directiva do CD Burela anuncia como primeiro reto "saldar as débedas"

O novo presidente, José Luís Sáez, quere lograr "un orzamento digno". 
A asemblea do CD Burela FS. (Foto: CD Burela FS)
A asemblea do CD Burela FS. (Foto: CD Burela FS)

O CD Burela FS continúa adiante cunha nova directiva. Tras o golpe que significou para o club a retirada en decembro de 2024 do patrocinio de Pescados Rubén e o anuncio da marcha do seu presidente desde 2013, Manuel Blanco Fanego, a incerteza pairou sobre a entidade. As dúbidas resolvéronse esta terza feira nunha concorrida asemblea na que se elixiu unha nova xunta directiva co monfortino José Luis Sáez Castro á fronte.

Na súa primeira intervención ante as socias e os socios do club non entrou en temas deportivos, alén de lembrar os éxitos das diferentes categorías da entidade, e preferiu tranquilizar á afección e tamén ás empresas provedoras que traballan na actualidade co CD Burela FS.

"Sairemos adiante cun orzamento digno, adecuando os gastos aos ingresos e facéndonos cargo das débedas que se xeraron con provedores e, en especial, cos traballadores e traballadoras", asegurou o novo presidente, quen reiterou que estes últimos serán os primeiros da lista en recuperar os cartos adebedados.

Rematou a sesión co anuncio da convocatoria, "cando antes", dunha asemblea extraordinaria para fixar as cotas de socios e socias, organizar as Escolas Deportivas para a tempada 2025-26 e outros aspectos cruciais para o funcionamento do club.

Agradecementos

Na asemblea notouse o cambio de ciclo na entidade mariñá. Gran parte da mesma estivo marcada polos agradecementos ao ex presidente, "que durante estes 24 anos levou ao club todo o máis alto".

Mais tampouco se esqueceu de nomear o persoal profesional da entidade, os cadros de xogadoras e de xogadores de todas as categorías e "as administracións públicas, entre as que están o Concello, a Deputación e a Xunta".

Comentarios