O Burela busca garantir a segunda praza para gañar o factor campo

O Burela FS visitará o Guadalcacín FS nesta xornada na que depende de si mesmo para finalizar na segunda praza. Na Primeira masculina, Burela e Noia xóganse o descenso.
Dinha co balón no encontro ante o Futsi en Vista Alegre. (Foto: Burela FS)
Dinha co balón no encontro ante o Futsi en Vista Alegre. (Foto: Burela FS)

A Primeira División estatal do balonmán bota este sábado o feche con desigual sabor para os equipos galegos. Na categoría feminina, o Burela FS visitará o Guadalcacín FS (Vista Alegre, 12 horas) nesta xornada na que depende de si mesmo para finalizar na segunda praza e ter o factor campo a favor na semifinal polo título diante do Futsi Atlético Navalcarnero.

Se as discípulas de Julio Delgado vencen, serán segundas. En caso de empate ou derrota, dependerán do Futsi. Unha improbábel perda das navalcarnereñas ante o Rubí tamén serviría ás mariñás nesta hipotética situación. 

A brasileira Cilene Pereira, que cumpre a súa novena tempada na entidade laranxa, falou na previa do rival destacando que é "un equipo que compite moito" que ten "xogadoras con experiencia", polo que agarda "un partido duro e moi competido".

Na zona media da táboa rematarán a liga o FSF Castro que visitará a cancha do Les Corts (Campus Diagonal Nord, 20 horas). O Marín Futsal recibirá o Alcantarilla (Pavillón deportivo A Raña, 12 horas), o Poio ao Gran Canaria (Pavillón da Seca, 12 horas) e o Ourense Ontime viaxará para xogar co Atlético Torcal (Guadaljaire, 12 horas). 

Burela ou Noia

Pola súa parte, na categoría masculina vivirase este sábado unha xornada dramática. Un dos dous únicos representantes galegos, o Burela FS ou o Noia Portus Apostoli, descenderá de categoría segundo o resultado dos seus encontros, nos que coinciden como visitantes. Entre eles só hai un punto de diferenza que favorece aos da Mariña. Precisamente este xogará co Cartaxena (Pazo dos Deportes, 20 horas) e o Noia terá de rival o Movistar Inter (Jorge Garbajosa, 20 horas).

Na previa, o técnico dos laranxas, David Rial, recoñeceu que o rival “non se xogará nada a nivel clasificatorio, o que se ten que notar desde o inicio é o que nos xogamos nós”. David Palmas, do Noia, pola súa parte, preferiu "centrarse no noso equipo, en gañar; os outros partidos non os podemos controlar".

Comentarios