Belén Toimil foi a mellor galega do Campionato de España de clubs

Belén Toimil en Ourense (Foto: RFEA)
A atleta Belén Toimil, en lanzamento de peso, lograba o triunfo. Tamén tivo unha boa actuación Saleta Fernández, en altura, ao quedar segunda con 1.80 metros.  

A plusmarquista estatal e atleta olímpica, Belén Toimil, defendendo as cores do Playas de Castellón, lograba o triunfo no sector de lanzamento de peso nos Campionatos de España de Clubs en pista cuberta que decorreron en Ourense.

Foi a mellor entre a representación galega xunto á tamén internacional e vixente campioa de España, Saleta Fernández, do Valencia Atletismo, que completaba un moi bo concurso de altura logrando a segunda posición con 1.80 metros. 

Por parte galega, ademais, o equipo organizador da Sociedade Ximnástica, de Pontevedra, completaba un moi digno encontro pelexando en cada unha das probas e concursos con atletas de nivel internacional.

O máis salientábel do equipo pontevedrés foron os cuartos postos logrados tanto por Pablo Bocelo sobre os 1.500 metros con 3:55.44 como de Carlos Porto nos 3.000 con 8:11.25.

Na categoría feminina, outra das xoias da canteira, Sabela Castelo de categoría Sub-16, lograba un tempo nos 3.000 metros de 9:48.59 e un quinto posto.

Por clubs, tanto o equipo feminino do Valencia como o masculino do F.C. Barcelona, revalidaron o campionato logrado o ano pasado, amosando nestes intres a súa hexemonía no panorama nacional. Especial relevancia tuvo o triunfo das levantinas que lograron o seu vixésimo sétimo título no seu palmarés polos vinte do equipo catalán. 

Nas marcas, salientar o récord estatal do triplista Jordan Díaz (MV) que chegaba até os 17.49 metros, polo que se sitúa como líder do ranking mundial do ano.

A maiores, foi moi destacado o concurso de peso cun Carlos Tobalina lanzando até os 20.21 metros, así como os 8.12 de Claudia Villalante nos 60 valos con 8.12 ou os 7.23 que sobre os 60 metros que lograba a atleta Jäel Sakura Bestué (MV), por citar algúns.