Austria será o próximo destino de Édgar Vigo e Fátima Ameneiro

Édgar Vigo e Fátima Ameneiro. (Foto: Scratch Fene)
A parella de rallys de Ferrolterra decidiu mudar de proba para escalar posicións na clasificación.

Despois do seu exitoso paso polo Ina Delta Rally, en Croacia, onde colleitaron un terceiro posto do ERT RC4 e a sexta posición da clasificación xeral da proba, o calendario de Édgar Vigo e Fátima Ameneiro mudou ao saber da posibilidade de poder estar en Austria e decidir esta pasada fin de semana que tomarían a saída desde ese país.

Nesta competición, o equipo fenés pertencente á Escudaría Scratch Fene volverá atoparse outra vez co piloto checo Rene Donhal, líder do ERT e o seu principal rival, e co búlgaro Nikola Mischev, actualmente, xusto por tras del na clasificación. Nesta ocasión, o número dos pilotos no ERT RC4 volverá ser de oito equipos, polo que a competición terá o máximo coeficiente e os puntos multiplicaranse por tres. 

Para Fátima Ameneiro, "Austria é un novo desafío no que sabemos que as cousas non serán fáciles, mais temos que continuar coa mentalidade que estamos a desenvolver nesta tempada e que tan bos resultados está a darnos”. Explica que teñen como primeiro obxectivo “gozar dun novo evento internacional, nun país descoñecido para nós e arrodeados dos pilotos cos que temos que loitar. Imos a por iso!", apunta. 

Un bo ritmo

O Rally Weiz decorrerá na rexión de Estiria, nunha pequena localidade que conta con 9.300 habitantes, e puntuará para o FIA ERT, FIA Historic, FIA Rally Academy e tamén para a Opel eléctrica, convertendo a proba austríaca nun grande evento no que serán un total de once as nacionalidades dos diferentes equipos, sendo a parella de Ferrolterra a única representación galega e estatal. 

O piloto Édgar Vigo asegura que “o resultado de Croacia demostrounos que temos ritmo e que tiñamos que aproveitar a oportunidade de estar presentes en Austria para poder reengancharnos ao campionato en setembro, con opcións reais a un posto de honra”.

Ese foi o motivo polo que, asegura,  “cambiamos este rally polo de Bulgaria, onde a presenza dun número importante de equipos é máis improbábel" e as posibilidades de escalar na clasificación xeral tamén poderán ser maiores. 

A competición en Austria desenvolverase en dous días. Comezará na xornada da sexta feira 14 de xullo e rematará na do  sábado 15. Os equipos percorrerán 145,3 km cronometrados e 493,56 km totais. Sendo 1,88 km sobre terra e o resto en asfalto.