O atletismo adaptado volve a Ourense

O atletismo adaptado ten unha cita hoxe en Ourense. Será a segunda edición dun campionato galego que iniciou a Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA) en 2022. Este ano confirmaron a súa asistencia 170 deportistas.  
Unha das modalidades destes campionatos é o lanzamento de peso (Foto: FGDA).
photo_camera Unha das modalidades destes campionatos é o lanzamento de peso (Foto: FGDA).

Por segundo ano consecutivo, a Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA) organiza en Ourense o Campionato galego de deporte adaptado en pista cuberta. As instalacións de Expourense acollerán hoxe, a partir das 10.30 horas e durante toda a mañá, varias disciplinas deste deporte e introducirá, por primeira vez, un torneo aberto a nivel estatal coa modalidade  de lanzamento de peso.

O torneo naceu en 2022, cando se comezou a recuperar a normalidade deportiva tras a pandemia da Covid-19. A secretaria da federación, Susana García, relata a Nós Diario que aproveitaron a iniciativa para retomar as actividades.

Para esta  edición contan con 170 inscricións, superando as 128 que finalmente participaron o ano pasado. Nelas, a maior parte teñen discapacidade intelectual mais tamén competirán tres deportistas con parálise cerebral, un con discapacidade auditiva e oito con discapacidade física.  

Organización e probas

“Levamos moitos anos organizando competicións de atletismo, mais ao aire libre”, sinala García, “e a nivel organizativo funciona igual, con Domingo Salinas como director deportivo”, engade. Na xornada de hoxe colabora a Federación Galega de Atletismo proporcionando xuízas e xuíces, ademais de contar cun equipo de voluntariado. 

As probas serán as mesmas que no atletismo convencional, mais en discapacidade intelectual as categorías non se preparan por idade e teñen en conta o grao de discapacidade.

“Hai tres en total: competición, adaptada e xogo. A diferenza é que en competición as e os participantes son capaces de entender o regulamento e desenvolvelo sen ningunha adaptación, o resto dependerá da súa discapacidade”, explica a secretaria da federación.

Neste campionato haberá carreiras e concursos. Nas primeiras as distancias varían dos 60 até os 1.500 metros e nos segundos serán de lonxitude e lanzamento de peso.

Na procura de normalizar o deporte

Desde a Federación Galega de Deporte Adaptado lembran a Nós Diario que “todo o que sexa realizar exercicio e facer unha sa competencia reporta moitos beneficios, non só no noso ámbito”. Ademais, Susana García cre que “asistir a unha competición e relacionarse con outros deportistas achégalles un engadido beneficioso e moi importante". 

Nas modalidades deportivas que traballan, neste caso no atletismo, a única distinción por idade é a que separa a menores e maiores de 15 anos. “Menores temos poucas e poucos, é un colectivo que comeza tarde a práctica deportiva”, indica García, “e non é un problema de motivación”, engade.

Unha das eivas, para a federación, é a falta de entidades que traballen o ámbito deportivo. 

Desde o inicio, os campionatos que organiza a federación, como este de atletismo en pista cuberta, sempre teñen lugar as cuartas feiras “ao ser o día que contan con monitoras e monitores” mais, para García, “deberían normalizarse e pasar a  realizarse nas fins de semana, como o resto de deportes, aínda que non compitan xuntos”.

Comentarios