Fútbol

PREVIA | Un Athletic eufórico pon a proba un Celta dubitativo

Duelo de contrastes entre un Athletic coa moral polas nubes e un Celta alicaído na Primeira División, mesmo escenario que no Lugo-Albacete da Segunda. Na Primeira RFEF, os catro galegos poderían axudarse mutuamente de conseguir a vitoria, aínda que ningún ten opcións de acceder a un liderado que aspira a conservar o Dépor feminino.
O "calendario asimétrico"  levou a que esta tempada aínda non se enfrontaran Celta e Athletic a pesar de rematar xa a primeira volta. (Foto: Europa Press).
photo_camera O "calendario asimétrico" levou a que esta tempada aínda non se enfrontaran Celta e Athletic a pesar de rematar xa a primeira volta. (Foto: Europa Press).

O fútbol é unha montaña rusa deportiva e emocional. Hoxe estás arriba e mañá, abaixo. Sen ir máis lonxe, o Athletic de Bilbao, rival do Celta esta fin de semana (domingo, 18.30 horas), hai dúas semanas viña de perder o derbi vasco contra a Real Sociedade e de ceder dous puntos ante Osasuna en San Mamés. Mala cousa.

Polo contrario, o conxunto celeste lograba en Elxe o seu primeiro triunfo ligueiro en tres meses, ao que seguía un optimista empate sen goles no que só lle faltou a guinda do gol para pasar por enriba dun Vilarreal en postos de Champions.

Agora a situación inverteuse, e os leóns arriban en Vigo tras clasificarse para as semifinais de Copa nunha exhibición de xogo ante o Valencia, mentres que a derrota da pesada xornada en Mallorca devolveu as dúbidas a unha escuadra olívica que só está fóra dos postos de descenso pola súa mellor diferencia de goles con respecto ao Valladolid.

No referente ao once inicial que tratará de recuperar a senda da vitoria ante o seu público, onde non gaña desde que superara o Betis o 2 de outubro de 2022, o técnico Carlos Carvalhal podería optar por unha táctica 5-3-2 condicionada pola velocidade dos incisivos estremos biscaíños, formando con Marchesín en portería; Hugo Mallo, Unai Núñez, Aidoo, Mingueza e un Javi Galán que recuperaría a titularidade na defesa; os indiscutíbeis Fran Beltrán, Gabri Veiga e Franco Cervi no centro do campo, con Iago Aspas e Larsen no ataque.

Rubén Albés podería sentenciar Fran Justo

Oito partidos, dúas vitorias, un empate e cinco derrotas. Ese é o balance de Fran Justo desde a súa designación como preparador do Club Deportivo Lugo, a todas luces insuficiente para salvar a categoría... e o posto, e máis tendo en conta que o presidente albivermello, Tino Saqués, é de "gatillo fácil".

Ironias do destino, o verdugo do ourensán podería ser o que foi responsábel técnico dos da Cidade da Muralla e heroe das dúas últimas permanencias, Rubén Albés, que hoxe dirixe un Albacete que aspira a coarse no play-off e que recibe o Lugo no Carlos Belmonte mañá ás 18.30.

O Queixo Mecánico será un óso duro de roer, pois leva seis partidos sen coñecer a derrota. "Está nun gran momento", recoñeceu un Fran Justo que, polo contrario, pensa que os seus homes "poden dar máis" do que demostraron até o de agora. 

Os galegos, a axudarse mutuamente na Primeira RFEF 

Baixando até a terceira categoría, os catro representantes da Galiza encaran unha vixésimo primeira xornada que promete ser moi complicada, dado o nivel dos seus rivais e a que  tres deses compromisos terán lugar como visitantes.

Tan só o Pontevedra contará coa sorte de actuar diante da súa afección, na procura de rematar, por fin, cunha xeira de derrotas que se estende xa por catro partidos e que lle custou o posto ao seu técnico, Antonio Fernández. O seu sucesor, Toni Otero, perdeu no seu debut a pasada fin de semana, unha mácula que tratará de borrar hoxe ante un equipo instalado nos postos de play-off, o Real Madrid B (mañá, 17 horas).

De gañar ou empatar, faríalle un gran favor a Rácing, Deportivo e Celta B. Os ferroláns, que están a seis puntos do filial branco, son os grandes favoritos no seu duelo contra Atlético Ceuta (hoxe, 19 horas), indiscutíbel fechacancelas da Primeira Federación. Pola súa parte, o Dépor que está a só dous puntos do Madrid B, viaxa até Cádiz coas súas dúas novas fichaxes -Oleg Lebedenko e Kike Saverio- para colisionar cun rival directo do Pontevedra na zona baixa, o San Fernando.

Finalmente, o Celta B pon a proba o seu bo momento no Arcanxo, fogar do segundo clasificado da liga, o Córdoba. Alí non estará a súa nova fichaxe, confirmada onte, o chileno Clemente Montes.

Comentarios