"Sudaca de merda!": O arxentino do Liceo Fran Torres vive un ataque racista en Catalunya

A escuadra galega abandonou a pista en protesta.
Fran Torres, xogador do Liceo (Foto: Liceo).
photo_camera Fran Torres, xogador do Liceo (Foto: Liceo).

O racismo e a xenofobia non acaban de ser erradicados por completo no mundo do deporte, a pesar do esforzo que desde hai anos levan a cabo tanto clubs como federacións estatais e internacionais.

A última ocasión na que un deportista foi vítima deste tipo de ataques foi esta cuarta feira, no marco dun partido correspondente á undécima xornada da OK Liga -a máxima categoría masculina de hóckey sobre patíns- entre o Deportivo Liceo da Coruña e o Club Patí Voltregà.

O choque, caracterizado pola igualdade entre dous conxuntos que chegaban practicamente na mesma posición ao encontro -o Liceo contaba con 15 puntos e o Voltregà con 14-, permaneceu empatado até o minuto 35, cando o local Àlex Rodríguez perforaba a meta verdibranca para acabar co resultado gafas.

A tensión era máxima, e as sucesivas oportunidades para empatar do Liceo -primeiro da man de Fran, 'Tombita', Torres e logo dun penalti que detivo o gardameta Codony a Carballeira- non fixeron senón acrecentala. 

Inmediatamente despois, Tombita foi obxecto dunha falta que derivou nunha pelexa logo de que un xogador do Voltregà, Aleix Molas, se dirixise ao arxentino do Liceo empregando supostamente o termo "sudaca de merda",  incidente que o colexiado tratou de resolver sancionando a ambos con tarxeta azul e, posteriormente, expulsando os delegados dos dous equipos.

Todo isto, unido aos insultos do público catalán, levou a que o Liceo en bloque tomase a inédita decisión de retirarse da pista para evidenciar non só a súa molestia, senón tamén para reclamar a presenza das forzas de seguridade.

Finalmente, despois de 30 minutos desde a interrupción do xogo, e logo de que chegase varios policías ao pavillón, reanudouse un partido que sentenciou Jordi Burgaya para subir o 2-0 final ao marcador.

Comentarios