A incumprida promesa galega de Pelé

A chama do Rei apagouse. O estado de saúde de Pelé, quizais o mellor xogador de fútbol de todos os tempos, agravouse nos últimos días e o fatal desenlace chegou finalmente. Por iso, desde Nós Diario lembramos o día en que xogou en Riazor e foi "feliz" na Coruña, unha cidade "de xente moi amábel" que lle pareceu "fermosa".
Un novísimo Pelé, no marco da xira europea do Santos que o trouxo até A Coruña para disputar o Trofeo Teresa Herrera no verán de 1959 (Foto: Gahetna).
photo_camera Un novísimo Pelé, no marco da xira europea do Santos que o trouxo até A Coruña para disputar o Trofeo Teresa Herrera no verán de 1959 (Foto: Gahetna).

Edson Arantes do Nascimento, 'Pelé', faleceu na noite da quinta feira após 31 días internado no Hospital Albert Einstein de São Paulo (Brasil). Aos seus 82 anos, O Rei ingresou para unha revisión do cancro de colon que lle diagnosticaron no ano 2021, mais o seu estado foi degradándose progresivamente co decorrer das semanas até desembocar no fatal desenlace, que sumiu na tristura aos millóns de amantes do fútbol ao redor do mundo.

Ante esta situación, un país tan dividido politicamente como o Brasil fechou filas arredor da súa maior figura futbolística, e non deixan de sucederse as homenaxes e recoñecementos ao tres veces campión do mundo (1958, 1962 e 1970), que conta cunha lista de logros e distincións colectivas e individuais incomparábel, como o récord de goles marcados -1.281 tantos en 1.363 partidos-, dato que se traduciu en que foi até once veces máximo realizador do Campionato Paulista.

Mais antes de lograr a maioría deses premios e títulos, pero cando xa se fixera co Mundial de Suecia '58, Pelé chegou á Galiza, e máis concretamente á cidade da Coruña, para disputar o Trofeo Teresa Herrera de 1959. Gañou o seu Santos por 4-1 ao Botafogo de Garrincha, el marcou un gol e deixou unha pegada indelébel entre todas as persoas que tiveron a sorte de asistir ao encontro, até tal punto de que o crítico deportivo Marathón, que nunca antes se desfixera en eloxios cara a un futbolista dese modo, escribiu: "Pelé é un xenio, é fenomenal, un fóra de serie, un novo mago do fútbol que domina a pelota, xoga con ela, aloumíñaa, dispáraa ao sen antollo...".

Pero a devoción do pobo galego por Pelé foi alén do seu fútbol. O brasileiro caeu en graza pola humildade do seu comportamento e polo seu eterno sorriso, que o acompañaba alá onde ía. 

Turismo 'real' na Coruña

Esta foi a primeira e última vez que se puido ver sobre o pasto dun campo galego ao, para moita xente, mellor futbolista da historia, un fito que 35 anos despois o propio Pelé lembraba nun artigo na revista oficial do Teresa Herrera de 1994, quen afirmaba gardar un "moi grato e xuvenil recordo da cidade da Coruña, que está perto de Compostela".
"Teño unha colección de fichas nas que os meus axudantes foron apuntando durante todos os anos da miña carreira os feitos da mesma.

Na Coruña durmimos nun hotel chamado Finisterre, e no día de partido, que foi un 21 de xuño, tivemos néboa pola mañá e notábel calor á hora do partido", explicaba O Rei no seu escrito, engadindo que no Municipal de Riazor había oficialmente "38.000 espectadores", pero a el parecéronlle "moitos máis, porque estaban subidos aos sitios máis raros e non cabía un alfinete nas bancadas".

Despois de repasar os nomes dalgunhas das "figuras de primeirísima fila" que se congregaron sobre un céspede de Riazor "que estaba marabilloso, como unha alfombra", incluídos Getúlio, Zito, Jair Alfonso, Pepe, Ernani, Nilton Santos, Chicão, Zagallo, Waldir, Didí ou Garrincha -"un momentiño, que eu me poño de xeonllos ante o recordo de Garrincha, apostilaba Pelé"-, o mellor xogador do século XX para a FIFA, a revista francesa L'Équipe -a encargada de outorgar cada ano o Balón de Ouro- ou a Federación Internacional de Historia e Estatística do Fútbol lembraba "chorar" tras bicar o trofeo do Teresa Herrera.

"A ovación da xente da Coruña foi inesquecíbel. Aínda gardo as fotografías da dobre volta que demos ao terreo de xogo co trofeo pasando de man en man. Despois celebrámolo con champaña e a directiva do Santos deunos diñeiro e agasallos", evidenciando coas súas palabras a importancia que chegou a ter a nivel internacional o decano dos torneos de verán, pois Pelé viña de levantar a Copa do Mundo menos dun ano antes.

Con todo, a achega máis interesante que realizou Pelé sobre a súa estadía herculina foi cando afondou nos seus momentos de socialización, recordando "o bonita que era a baía da Coruña",  a súa visita "a un faro enorme e vello ao que se chegaba a pé con dificultade" —falando da Torre de Hércules— e o "misterioso" que lle pareceron o Xardín de San Carlos ou a tumba de Sir John Moore. 

Xeados

Porén, quedoulle o mal sabor de boca, nunca mellor dito, de que o seu míster non lle permitira adquirir "un xeado nunha casa xeadeira á beira da baía", sen dúbida referíndose á Italiana, fundada en 1950 polo mestre transalpino De Cesero e desaparecida definitivamente a comezos de 2020.
Mais Pelé xa non puido volver probar os seus deliciosos xeados e tampouco poderá cumprir a súa promesa feita en 1994 de "volver algún día á Coruña", unha terra na que O Rei foi "feliz".   

O inesquecíbel Teresa Herrera de 1959

Sete campións do mundo en 1958, seis deles titulares, xuntáronse sobre o verde de Riazor para competir polo Teresa Herrera de 1959 co 'Rei' Pelé á cabeza. O choque rematou 4-1 a prol do seu Santos, marcando os goles dos peixes Pepe ('40, '77), Pelé ('60) e Coutinho ('67) e Zagallo ('69) o do Fogão.

Comentarios