Atletismo

VÍDEO | Ana Peleteiro voa até o ceo de Roma e proclámase campioa de Europa

A ribeirá gaña o ouro na final de triplo salto no Europeo no que o atleta viveirés Adrián Ben rematou sexto nos 800 lisos.
Ana Peleteiro, celebrando o triunfo ante as cámaras. (Foto: Teledeporte)
photo_camera Ana Peleteiro, celebrando o triunfo ante as cámaras. (Foto: Teledeporte)

Nunha xornada marcada polas decisivas eleccións ao Parlamento Europeo, Ana Peleteiro loitaba a última hora deste domingo polos metais no Campionato Europeo que este ano decorre, a falta de pouco máis dun mes para que comecen os Xogos Olímpicos, en Roma. A atleta ribeirá estreouse na gran final de triplo salto cunha marca de 14,37 metros que a colocou en cabeza de forma provisional, se ben ela mesma non parecía moi satisfeita co seu primeiro salto.

No seu segundo intento Peleteiro subiu até os 14,46 metros para manter o liderado coa búlgara Alexandra Nacheva axexando desde a segunda praza con 14,35, mellor marca persoal. Mais a turca Tuğba Danışmaz, cun salto que lle valeu o récord nacional, voou até os 14,57 metros e desprazou a galega, de forma provisional, á prata.

E a piques estivo de recuperar a primeira praza na súa terceira tentativa, de novo mellorando a marca anterior, con 14,52, a cinco escasos centímetros da turca. Mais na seguinte quenda Ana Peleteiro non perdoou e asinou unha marca de 14,85 que podería traducirse nun ouro nesta competición. Son só dous centímetros menos que a súa mellor marca e récord do Estado español, 14,87, nos Xogos Olímpicos de Toquio.

Unha marca que non conseguiu bater Danışmaz, que fixo dous nulos e rematou cun último salto co que non foi capaz de superar nin a súa propia mellor marca, proclamando así automaticamente, a falta do derradeiro intento, campioa a atleta de Ribeira. A súa é a primeira, e única até o momento, medalla de ouro no Europeo da delegación do Estado español.

Adrián Ben, sexto nos 800 lisos

Outro dos protagonistas desta xornada marcada polas eleccións europeas polo seu protagonismo no Europeo de Roma foi o atleta viveirés Adrián Ben, que finalizou nun meritorio sexto posto a final dos 800 metros lisos. Ben asinou unha marca de 1.46.54 nunha carreira na que o francés Gabriel Tual logrou imporse nos últimos metros ao español Mohamed Attaoui, que obtivo a prata. O italiano Catalin Tecuceanu completou o podio.

Comentarios