Alerta (albi)vermella: o Lugo avista o descenso

A derrota do Club Deportivo Lugo ante o Málaga supuxo a principal mácula dunha xornada futbolística na que Deportivo da Coruña e Rácing de Ferrol conseguiron senllas vitorias que os confirman como favoritos no grupo que loita pola permanencia na nova Primeira RFEF.
 
Sampedro, con Saqués durante a súa presentación, hai apenas cinco semanas (Foto: CD Lugo).
photo_camera Sampedro, con Saqués durante a súa presentación, hai apenas cinco semanas (Foto: CD Lugo).

Hai pouco máis de cinco semanas Tino Saqués anunciaba, para sorpresa xeral, o despido do franco-tunisiano Mehdi Nafti como técnico albivermello. Durante os apenas tres meses e medio que ocupou o cargo, o ex futbolista internacional conseguira reconducir o errático comezo de tempada baixo o mando de Juanfran -heroe da salvación a pasada tempada- e construír unha identidade propia cimentada nunha concepción defensiva do fútbol que, se ben non era vistosa, levou o equipo a estar invicto no Ángel Carro baixo o seu mandato e mesmo a coquetear cos postos de ascenso a Primeira durante algunhas xornadas... Até a súa destitución, logo de cinco partidos sen gañar.

O seu substituto, Luís César Sampedro, suma xa seis despois de caer na casa co Málaga (o-1) e aínda non sabe o que é a vitoria na súa segunda etapa como adestrador albivermello, na que só foi quen de conseguir tres puntos de 18 posíbeis e acumula tres derrotas consecutivas, a última precedida por unha escandalosa goleada (6-1) ante As Palmas.

Xa que logo, o complicado escenario que afronta o equipo, que na vindeira xornada visita o campo do segundo clasificado (Mallorca) e que viu como baixo a dirección do vilagarcían o cómodo colchón que mantiña sobre os postos de descenso baixou a tan só catro puntos, xunto coa pulsión do presidente Saqués por tratar de enderezar o rumbo da nave albivermella cambiando de adestrador -non por nada leva 11 en cinco tempadas- ameaza con pór fin á segunda etapa de Luís César á fronte do Lugo.

Importantes triunfos de Deportivo e Rácing

Na categoría de bronce deu comezo a segunda fase da competición con resultados dispares para os representantes do país. Os mellor parados foron Deportivo da Coruña e Rácing de Ferrol, que a pesar do lastre da falta de puntería cara á portaría contraria foron quen de superar os asturianos de Marino de Luanco e Langreo, respectivamente, consolidándose así como os grandes favoritos para ocupar un dos postos que outorgan unha praza na nova Primeira RFEF.

Peor sorte correu o outro conxunto galego do grupo 1-D, a SD Compostela, que caeu 1-2 ante o potente Numancia de Soria e perde tres puntos de ouro ante un rival directo, mesma sensación coa que rematou o seu compromiso o Coruxo. A escuadra viguesa, inmersa na loita por eludir o descenso á Terceira RFEF, foi incapaz de lograr o triunfo ante o filial do Sporting de Xixón (1-1).

Quen si puido pasar con éxito o seu duelo da primeira xornada da segunda fase foi o Pontevedra, que deu un golpe de autoridade ante o Covadonga (2-1) da man de dous goles de Sabater. Con este resultado, os granates afrontan os cinco partidos restantes coa confianza de saber que son líderes con tres puntos de vantaxe sobre os seus inmediatos perseguidores, Lealtad de Villaviciosa e o propio Coruxo.

Cara e cruz celeste: o Celta varre o Alavés, pero o filial perde na casa

Xornada de contrastes para o Real Club Celta de Vigo. O primeiro equipo celeste levou a cabo unha excepcional actuación derrotando por 1-3 en Mendizorroza o Alavés dos galegos Joselu, Jota Peleteiro e Lúcas Pérez, quen non disputou nin un só minuto por, en palabras do técnico do conxunto vasco, Pitu Abelardo, "faltarme ao respecto a min e aos seus compañeiros". Presión, intensidade e efectividade foron os seus principais sinais de identidade nun partido no que Iago Aspas alcanzou a cifra de 10 goles e 10 asistencias, tornando así no cuarto xogador das cinco principais ligas do mundo en conseguilo, tan só por detrás do inglés Harry Kane, o portugués do Manchester United Bruno Fernandes e o alemán Thomas Müller.

Peor sorte correu o Celta B, que caeu por 1-3 ante Valladolid Promesas en Balaídos, no que foi o primeiro encontro con público no coliseo celeste desde o estoupido da pandemia da Covid-19. Lamentabelmente, as 1.000 persoas alí presentes volveron ás súas casas co sabor agridoce que nese anhelado día deixou un partido no que os pupilos de Javier Baraja foron superiores en todo momento aos de Onésimo Sánchez.

Comentarios