Afouteza fronte á síndrome do convidado de pedra

O Celta recibe sen presión clasificatoria de ningún tipo o Real Madrid no partido máis interesante dunha xornada futbolística galega na que o Club Deportivo Lugo xoga mañá no Insular das Palmas e o Rácing de Ferrol-Guixuelo, que fora adiado a causa do coronavirus, é o único partido programado na categoría de bronce.
Renato Tapia está a ofrecer a súa mellor versión co novo sistema empregado polo técnico arxentino.(Foto: RCCelta).
photo_camera Renato Tapia está a ofrecer a súa mellor versión co novo sistema empregado polo técnico arxentino. (Foto: RCCelta).

O Celta recibe o Real Madrid en Balaídos este domingo ás 16.15 horas da tarde nun choque correspondente á vixésimo oitava de Liga e que desde a contorna do conxunto branco, que vén de eliminar o Atalanta nos oitavos de final da Champions League hai tan só catro días e de coñecer na mañá de hoxe que o seu rival nos cuartos será un Liverpool en horas baixas, semella que afrontan case como se dun mero trámite se tratase no medio da súa carreira de persecución ao Atlético de Madrid pola cabeza da táboa.

Con todo, e a pesar das evidentes diferenzas entre ambos os equipos, mal farían os de Zidane en confiarse, en considerar o Celta como un convidado de pedra, pois se algo caracteriza á escuadra celeste desde a chegada do Chacho Coudet a Vigo é esa afouteza que non só dá nome á flamante cidade deportiva do club, senón que é un leitmotiv, un referente espiritual, en especial nos grandes momentos, como son os compromisos ante o 13 veces campións de Europa.

Factores que resultan de consideración á hora de analizar as oportunidade celestes de dar a sopresa son o cansazo acumulado logo do partido de Champions League nas pernas de xogadores chave, especialmente entre veteranos que continúan a ser vitais nos esquemas do preparador franco-alxeriano, como son os casos de Sergio Ramos, Luka Modric, Toni Kroos e Karim Benzemá, así como as baixas seguras dos mancados Odriozola, Mariano e Hazard, que esta semana sumou a súa décima lesión en menos dun ano.

No bando celeste aspiran a aproveitarse destas particulares circunstancias do rival para sumar un triunfo ante o Real Madrid que en Balaídos se lle resiste desde hai seis anos e que, de conseguilo, deixaría, xa si, ese obxectivo da permanencia matemática que tanto anhela Coudet practicamente certificado.

Terceira oportunidade de gañar para Luís César

Di un refrán que "un é pouco, dous está ben e tres están de máis", dito que ben se pode aplicar á traxectoria de Luís César Sampedro como técnico do Club Deportivo Lugo despois de que non conseguise a vitoria nos seus dous primeiros partidos como técnico albivermello.

Esta terceira oportunidade para o de Vilagarcía de Arousa será ás 18.15 horas do domingo ante un Castellón que chega na décimo novena posición, a que marca a fronteira cos postos de descenso. Sobre o papel pode parecer un rival teoricamente inferior, pero ante a terríbel xeira de sete partidos sen coñecer a vitoria que acumula o Lugo torna en rival directo na loita pola salvación, pois de caer derrotado ante os orelluts xa só os avantaxarían en tres puntos.

Para o dianteiro José Ángel Carrillo, que disputou 66 minutos no empate da pasada xornada ante o Girona, o encontro ante o Castellón "vai alén dos tres puntos". "Non poden quitarnos o pan da nosa casa, temos que cambiar o chip rapidamente e aproveitar a nosa oportunidade para gañar. Para conseguilo faremos caso do míster, que nos pide que non sexamos individualistas, que defensivamente sexamos un bloque e que no ataque empreguemos moito as bandas", apuntou o experimentado futbolista murciano.

Todo ou nada para o Rácing de Ferrol na Malata

Se os partidos de Celta e Lugo son importantes, o do Rácing de Ferrol deste domingo ante o Guixuelo (17 horas) adquire até carácter dramático. Os Diaños Verdes disputan nunha Malata que contará con 1.000 almas apoiando aos seus o único encontro da xornada na Segunda B, un compromiso adiado a pasada semana a causa do gromo de coronavirus entre os ferroláns e no que, cara ou cruz, todo ou nada, se non gañan dirán adeus a calquera posibilidade de participar no play-off de ascenso.

Comentarios