Un '10' para Galiza nuns Xogos de '0'

Os Xogos Olímpicos de Toquio chegaron á súa fin despois de case tres semanas históricas para o deporte galego, pois os e as deportistas do país lograron o maior botín endexamais conseguido, con seis metais. Lamentabelmente, a pandemia condicionou por completo o desenvolvemento desta edición do certame, que pasará á historia polo silencio nas baleiras bancadas e pola desaparición dos sorrisos no podio a causa das máscaras.
 
A  alcaldesa de París, Anne Hidalgo, recibe o pendón olímpico do presidente do COI. (Foto: Europa Press).
photo_camera A alcaldesa de París, Anne Hidalgo, recibe o pendón olímpico do presidente do COI. (Foto: Europa Press).

Kafu Nagai, un dos mellores cronistas do Toquio de comezos do século pasado e autor dos haikus máis sórdidos e descarnados do seu tempo, escribiu unha vez: "A noite acúrtase / Un soño de cincuenta anos / acaba antes de finalizar".

A sociedade nipoa abrazaba coa ilusión dun neno -representada por esa icónica imaxe do primeiro ministro Shinzo Abe disfrazado de Súper Mario recollendo o testemuño olímpico na cerimonia de clausura de Río 2016- a idea duns Xogos que debían supor un novo impulso ao país medio século despois de que Toquio acollera a edición de 1964, que supuxo a definitiva consolidación da nova imaxe de respetabilidade internacional do Xapón despois da súa derrota na Segunda Guerra Mundial.

Pero chegou a pandemia da Covid-19 e o certame olímpico, inicialmente previsto para 2020, viuse adiado a 2021. Foi o primeiro paso dunha serie de infortunios e malas decisión que levaron a que máis de 80% da poboación xaponesa se manifestase na súa contra pouco antes da cerimonia inaugural, o 23 de xullo, na que os berros das protestas no exterior do Estadio Olímpico retumbaban nun interior do que a xente do común se viu excluída "por seguridade", medida que non aplicou aos máis de 1.000 VIP's que alí se congregaron.

Esas -para case todo o mundo- estritas medidas sanitarias, que reduciron á práctica totalidade das icónicas persoas voluntarias a axentes de limpeza e control anti-Covid e impediron a venda de boletos tanto a locais como a turistas procedentes do estranxeiro, non conseguiron conter a evolución da pandemia na capital nipoa, pois levan unha semana detectando cifras récords de máis de 4.000 novos casos todos os días, o que pon en cuestión a efectividade da burbulla desenvolvida polo Comité Olímpico Internacional.

Non obstante, en canto a ruína económica a eficacia das súas medidas foi incuestionábel, pois a tradicional débeda que implica acoller uns Xogos Olímpicos -172% de media desde 1960- multiplicouse até 400%, nunha cantidade superior a 30.000 millóns de dólares en perdas que terán que asumir as contribuíntes xaponesas.

Todo isto -porque aínda que sexan deportistas de elite non son robots- traduciuse no tartán, nas piscinas e nas distintas pistas nas que se desenvolveron as competicións, e de Toquio 2020 non emerxeu ningunha figura histórica que entre no olimpo dos Michael Phelps, Carl Lewis, Usain Bolt ou Kristin Otto, con perdón de Allyson Felix -a muller máis condecorada na historia do atletismo-, o nadador Caeleb Dressel -gañador de cinco medallas de ouro-, Emma McKeon -que volve a Australia con sete metais, catro de ouro e tres de bronce- ou Yulimar Rojas, que protagonizou un concurso de película no salto de lonxitude, rachando co récord do mundo nunha proba na que Ana Peleteiro foi a terceira clasificada.

Unha Galiza de récord torna en potencia deportiva

A diferenza do que acontecerá coa inmensa maioría da poboación xaponesa, estes Xogos Olímpicos de Toquio serán de moi grato recordo para a afección galega, pois neles os e as representantes da Galiza alcanzaron cotas nunca xamais alcanzadas polo noso deporte. 

Alí, unha delegación composta escasamente por 21 participantes foi quen de gañar dez Diplomas olímpicos e seis medallas -tres de prata e tres de bronce-, superando con moito as catro conseguidas en Pequín 2008 e Londres 2012, as tres de Atenas 2004 e as dúas dos Ánxeles 1984.

Os heroes e heroínas do país foron a devandita Ana Peleteiro no triplo salto -bronce-, Nico Rodríguez -bronce na categoría 470 de vela-, Rodrigo Corrales -bronce en balonmán-, Iván Villar -prata en fútbol-, Rodrigo Germade e Carlos Arévallo -prata en piragüismo no K4 500- e Teresa Portela, tamén prata no K1 200 con 39 anos nos seus sextos Xogos Olímpicos. Estes resultados deixarían Galiza na posición 68 no medalleiro, por diante de países moito máis poboados como Arxentina, Nixeria, Casaquistán, Arabia Saudí ou México.

Ademais, logo destes resultados, Galiza alcanza os 22 metais olímpicos 101 anos despois de que Ramón González, Moncho Gil e Luis Otero, como hoxe Iván Villar, lograsen unha medalla de prata nos Xogos de Amberes 1920. 

Curiosamente, case a metade (10) concéntranse na pequena localidade de Cangas, pois aos cinco metais logrados por David Cal súmanse a de Carlos Pérez Rial en Pequín 2008 e as catro de Toquio 2021, que chegaron da man do propio porteiro do Celta, do seu homólogo no balonmán Rodrigo Germade e de Teresa Portela e Rodrigo Corrales sobre a piragua, unha conta que podería seguir medrando en París 2024.

Comentarios