A Zona C de Compostela lembra os 30 anos de cine de Alfonso Zarauza
A mostra Nunca deixará de chover no meu cinema, que se inaugurou esta cuarta feira na Zona C de Compostela, percorre os 30 anos adicados ao cinema de Alfonso Zarauza, un dos autores máis relevantes do audiovisual contemporáneo galego. Nos espazos da Zona C móstranse materiais que achegan o público ao proceso creativo e técnico que se atopa tras o seu traballo.
Unha ollada que é reflexión sobre a Compostela na que vive e na que desenvolve moitos dos seus proxectos; esa cidade que é punto de partida e de retorno e na que sendo aínda novo decidiu rodar a súa primeira curta Hay que joderse (1995), que sería o comezo dunha prolífica carreira.
Zarauza dirixiu seis longametraxes, dúas series de TV e máis de vinte pezas experimentais polas que recibiu diversos premios nacionais e internacionais, entre os que destaca o premio ao mellor director por La noche que dejó de llover, en Viña del Mar, Chile no ano 2008; e foi tamén premio do xurado no Brussels Film Festival con Os fenómenos en 2014. Fíxose con tres premios Mestre Mateo ao mellor director e acadou o premio Cineuropa en 2020 polo conxunto de toda a súa obra. Na súa filmografía destacan Encallados, (2012), Os fenómenos (2013), A viaxe dos Chévere (2015), Ons (2020) ou Malencolía (2021).
O Festival de Cans, que celebrará a súa XXII edición na aldea de O Porriño, entre o 20 e o 24 de maio, acordou conceder o seu Premio Pedigree de Honor, coincidindo coa celebración dos seus 30 anos dedicado ao audiovisual.
O seu labor como guionista valeulle o premio ao mellor guión en competencia internacional en Trieste en 2008 pola coprodución cubano / brasileira A ilha da morte de Wolney Oliveira, o premio no LALIFF (Los Angeles Latino Film Festival) por La noche que dejó de llover, premio mellor guión de longametraxe no Festival Iberoamericano do Ceará (Fortaleza, Brasil) en 2014, por Os fenómenos e o Mestre Mateo a mellor guión por La noche que dejó de llover, Os fenómenos e Ons.
Alfonso Zarauza presenta tamén unha longa traxectoria na produción, apoiando os traballos de cineastas emerxentes. Produciu a ópera prima de Jaione Camborda, Arima, estreada no Festival de San Sebastián, e os filmes Así chegou a noite, de Ángel Santos, La nube del no saber, de Lois Patiño, alén da ópera prima de Ledicia Sola, Nacente.

