A XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña bota a andar esta cuarta feira con Fillas de Cassandra

O evento decorrerá do 16 ao 20 de abril e co lema 'Un mar de piques' busca salientar a forte conexión que existe na vila entre o mar e o encaixe.

Desfile do Encaixe o pasado sábado na Coruña. (Foto: Ártabra)
Desfile do Encaixe o pasado sábado na Coruña. (Foto: Ártabra)

A XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña está a piques de comezar. O evento, que decorrerá da cuarta feira 16 ao domingo 20 de abril, co lema 'Un mar de piques' busca salientar a forte conexión que existe na vila entre o mar e o encaixe, a natureza e a tradición.

A apertura da trixésimo cuarta edición da Mostra terá lugar na cuarta feira 15 horas, momento no que se iniciará o tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte no que tamén participará o alumnado das escolas infantís municipais. O acto de inauguración coas autoridades será ás 16.30 horas. Logo, a partir das 18 horas, comezarán os primeiros desfiles: os máis pequenos do 'PequEncaixe' serán os encargados de pisar por primeira vez a pasarela e seguidamente os Grandes Deseñadores. Entre medias, amenizará a pasarela unha actuación de Fillas de Cassandra.

Durante os cinco días as firmas da categoría de 'Grandes Deseñadores', subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe: Ana Cabranes, Andion Clothing, Claudina Mata, Devota & Lomba, Franco Quintáns, Anamingo, Dolores Cortés, Esteban Freiría, Jose Matteos e OSE Couture.

O desfile de 'ArtEncaixe', que sigue afianzándose na programación, estrearase na quinta feira, 17 de abril, ás 12.45 horas. Os artesáns chegarán de diferentes puntos da Galiza para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais: Alfarería La Cacharrera, Lola Logaro, Ondas do Mar, O Rulo, Suso Calo, Encaixa_T, Michael Pérez, Ana Miguéns, Estilo Aramar, Mariví Santos Atelier, Risco Estudio, Tendataller Feituras – María Canedo e Ene de Toba.

Nesa mesma xornada tamén debutarán as persoas participantes no XXXI Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 41 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. A sexta feira, 18 de abril, ás 20.30 horas decorreraá o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo, a partir das 17 horas, darase a coñecer a resolución do xurado.

Firma Emerxente e desfile internacional

A gran novidade desta edición, o desfile 'Firma Emerxente', poderá verse por primeira vez na quinta feira, e repetirá a sexta feira e o sábado.

Outro ano máis volverán á Mostra as delegacións internacionais. Na sexta feira ás 12.45 horas terá lugar o primeiro desfile das 'Delegacións de encaixeiras internacionais'. Repetirán o sábado 19 ás 18 horas. Participan Arxentina (Bos Aires), Bulgaria (Sofía), Hungruía (Kiskunhalas), Italia (Novedrate e Trapani), Portugal (Peniche e Serra D'El Rei), Polonia (Bobowa) e Catalunya (Arenys del Mar).

Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do 'PequEncaixe'. As nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos.

O mesmo ocorre no desfile de 'Encaixeiras Senior de Camariñas' que terá lugar o domingo ás 19.30 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano.

Fillas de Cassandra, Budiño, Soledad Vidal, Rocío Camaño e David Amor

Este ano os asistentes poderán gozar da música do dúo vigués Fillas de Cassandra, do concerto 'Cantares Atlánticos' da soprano Soledad Vidal e Aurelio Viribay (a quinta feira ás 20.15 horas); ou da actuación de Rocío Caamaño (a sexta feira ás 16.45 horas). O concerto de clausura da Mostra correrá este ano a cargo de Budiño (domingo ás 19.30 horas).

Ademais, continuando coa tradición dos últimos anos, poderán rirse a esgalla con David Amor e o seu monólogo 'Love está en el aire' que terá lugar o sábado, 19 de abril, ás 20.30 horas na propia pasarela. Ademais, a sexta feira ás 20.30 horas haberá teatro da man do grupo Os Contos non Enchen e a súa obra 'First Lerias'.

Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Golpe de Mar, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén o VIII Encontro de Corais no que participarán a Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco, a Polifónica Alecrín de Brión (Ferrol) a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo ás 12.30 horas).

Aproveitarase o evento para a presentación de libros e publicacións como Homes e Mulleres de Sal e Ferro de Xesús Búa (a quinta feira ás 12 horas), Cantareiras de Icía Varela e Xosé Manuel Varela (a quinta feira ás 12.30 horas), o libro De niña artesana a mujer de Josefina Campaña (a sexta feira ás 12 horas), a guía Camariñas, un mar de encaixe de Xan Fernández (a sexta feira ás 12.20 horas), a nova edición de El Cementerio de los Ingleses de Alfonso de Sas (sábado ás 11.40 horas), e o libro Mar de Ardora, Mar de Galicia da fotoxornalista Ana García (sábado ás 12 horas).

O acto de clausura da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo ás 19.30 horas.

Gourmet entre encaixes

O Concello repetirá este ano na XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña o 'Gourmet entre encaixes', un espazo dedicado ao sector alimentario no que se poderán instalar postos de venta ao público.

Esta nova zona, na que tamén se situará o bar da Mostra, terá unha decoración ambiental especial e contará cun espazo con mesas e cadeiras para que o público asistente á Mostra poida degustar alí mesmo os produtos que merque.

Durante toda a Mostra tamén haberá degustacións gastronómicas de polbo, a cargo de Frigoríficos de Camariñas (a sexta feira ás 19.30 horas) e de rodaballo, a cargo de Stolt Sea Farm (o sábado ás 14 horas).

Tamén haberá demostracións artesanais e os pais e as nais poderán deixar as crianzas no Parque Infantil con monitores cualificados.

Comentarios